O Carballiño acenderá a iluminación do nadal o 1 de decembro, apostando polo aforro enerxético e creacións temáticas

28, Novembro 2022

O Concello do Carballiño acenderá o seu alumeado das festas de Nadal o próximo día 1 de decembro. Nesta nova convocatoria o Concello apostará polo aforro enerxético e por potenciar as instalacións conmemorativas nos espazos públicos da vila.

Dende hai anos O Carballiño mantén a tradición de potenciar as festas de Nadal cun alumeado temático que ten por obxectivo animar a vila e contar cos espazos públicos ambientados cos motivos propios destas festas para que os veciños e os visitantes gozan dun O Carballiño a xeito cos días de celebración e de festas familiares que se organizan nestas datas. O Concello carballiñés aposta por incidir no aforro enerxético e para iso acordouse que neste 2022 o alumeado de Nadal reducirá o seu horario de funcionamento.

A diferenza doutros anos nesta ocasión as luces de Nadal apagaranse ás 00.30 horas para incidir neste compromiso co aforro enerxético.

Como en noutros anos, haberá instalacións temáticas, con motivos propios destas festas, en varios espazos públicos da vila. A caseta de Nadal xa está instalada na Praza Maior do Carballiño e na Praza Emilia Pardo Bazán estase a rematar a decoración que ten como motivo central a carroza e os renos. A grande árbore de luces da praza maior ou a caixa de agasallos xigante que protagonizaron as campañas anteriores tamén terán un protagonismo especial neste Nadal 2022.

Tamén se promoverá unha campaña de promoción das compras no comercio e haberá colaboración do Concello nas iniciativas que se organicen dende o propio Centro Comercial Aberto do Carballiño.

Nas vindeiras semanas tamén haberá unha ampla oferta cultural, que se dará a coñecer nos próximos días.