O Carballiño acolle a Copa Terceira División de Fútbol Sala

6, Xuño 2019

O equipo campión da terceira división de fútbol sala, Pazos de Borbén; e os equipos de Vigo, Red Blue e Talleres ABC, xunto ao equipo GRI Carballiño, competirán esta fin de semana pola V Copa Terceira División F.S., que terá lugar o sábado 8 e o domingo 9 de xuño no pavillón de deportes Paco Chao do Carballiño.

O evento foi presentado nun acto ao que asistiron o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; o presidente da comisión galega de árbitros, Álvaro Cid Bragado, e o presidente do Gri Carballiño F.S., José Manuel Vázquez.

O sábado, 8 de xuño, pola tarde, disputaranse as semifinais; ás 16,30 h., GRI Carballiño – Red Blue Vigo, e ás 19,00 h., Pazos de Borbén – Talleres ABC de Vigo. A final será o domingo, 9 de xuño, ás 12,00 h.

Manuel Dacal resaltou a categoría desta competición e agradeceu a deferencia da Federación Galega por traela ao Carballiño. Así mesmo, incidiu unha vez máis en que os grandes eventos deportivos e o turismo camiñan unidos, por eso O Carballiño atrae cada día a máis visitantes.

José Manuel Vázquez sinalou que esta competición era un broche de ouro para a magnífica tempada do equipo GRI Carballiño, que acadou o terceiro posto na súa categoría, e dixo que esperaba que chegase á final desta copa, polo que animou aos afeccionados carballiñeses a acudir ao pavillón. Tamén destacou que o equipo feminino sénior vai disputar este domingo no pavillón de Os Remedios de Ourense, ás 10 da mañá, a final da Copa Deputación, co que a tempada para todas as categorías de fútbol sala do club carballiñés resulta increíble.

Finalmente, Álvaro Cid, que foi durante 16 anos árbitro nacional, e que leva máis de 30 anos no fútbol, expresou a satisfacción da Federación Galega de Fútbol pola celebración deste trofeo no Carballiño, e agradeceu ao concello e ao equipo local a colaboración e organización do mesmo.