O Carballiño acolle o Festival Transfronteirizo de Teatro, do venres ao domingo, con grupos de Portugal, Castela-León e Galicia

7, Maio 2019

O Auditorio Manuel María e a Casa da Cultura serán os marcos nos que se desenvolverá o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador (FETTA), coincidente coas XIV Xornadas de teatro FEGATEA, que terán lugar o venres 10, sábado 11 e domingo 12 de maio, no Carballiño.

O evento foi presentado esta mañá no concello do Carballiño coa aistencia do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o responsable de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Daval; a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, Chelo Pampillón, e os directivos do grupo Tiruleque, Xosé Prada e Lydia Almonte.

No festival, que é totalmente gratuito ata completar o aforo, representaranse tres obras teatrais: o día 10, ás 20,30 h., Teatro Balugas de Portugal coa obra “Pâo Nosso”; o día 11, ás 20,30 h., compañía Latela Teatro de Castela-León coa obra “Raíces, de Lorca”, e o día 12 ás 17,00 h., a compañía galega Lohengrin Teatro coa obra “A mirada das bolboretas”. As tres representacións terán lugar no auditorio municipal, e a entrada será de balde.

Ademáis, o 11 de maio, na Casa da Cultura, ás 18,00 h., haberá un obradoiro de escrita por Ernesto Is, e ás 18,30 h., unha mesa charla coloquio sobre Teatro e inclusión, por Victoria Teijeiro.

Así mesmo, o domingo 12 de maio, ás 12,30 h., no auditorio, presentarase o I Premio PLATTA de teatro breve en galego, e representaranse os talleres de lecturas nos 3 idiomas (portugués, galego e castelán) da obra gañadora “Morreu a tía María”, de Xosé Prada.

Diego Fernández amosou o seu orgullo por poder presentar un festival que complementa a programación cultural do concello do Carballiño nas vísperas da celebración da Semana das Letras Galegas. E destacou que se trata dunha das grandes citas anuais do teatro afeccionado en Galicia, polo que felicitou á Federación de Teatro Afeccionado e ao grupo Tiruleque.

Chelo Pampillón resaltou a importancia do evento e da FEGATEA como incentivadores do teatro afeccionado, do que dixo era un xeito de “teatro por amor”. Explicou que conforman a federación 54 grupos de teatro, nos que se implican unas 1.300 persoas, e que en breve celebrarán o 20 aniversario. Dixo que organizan festivais, circuitos e ciclos formativos, destacando que estes últimos eran unha aposta clara do teatro afeccionado. Tamén se referiu aos premios conseguidos nestes case vinte anos de existencia, e agradeceu ao concello do Carballiño e a Deputación de Ourense a súa colaboración.

Manuel Doval dixo estar especialmente motivado por esta presentación, pois se facía nunha vila moi vencellada co teatro. Destacou a colaboración da Deputación cos concellos e as asociacións en materia cultural, e destacou o feito de que se incluise no programa do festival unha obra infantil, pois era un xeito de dinamizar a formación dos escolares.

Finalmente, Lydia Almonte animou á veciñanza do Carballiño a asistir ás representacións e demáis actos do festival.