O Carballiño acollerá este sábado o 8º Encontro Literario de Ourense, con máis de 40 escritores, escritoras, bloggers e influencers

O Salón de Plenos do Concello do Carballiño converterase este sábado, 25 de outubro, no epicentro da creación literaria galega coa celebración do 8º Encuentro Literario de Ourense, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio e que reunirá a máis de corenta autores, blogueiros e influencers chegados de distintos puntos de Galicia e de fóra da comunidade.
A actividade, organizada por Cristín Ferro e Lizzie Quintas, desenvolverase en horario de 9:30 a 13:30 horas pola mañá e de 16:30 a 20:30 horas pola tarde, cun programa cheo de presentacións, mesas de debate, xogos e sorpresas. Durante a presentación oficial, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, destacou que “esta data xa forma parte do noso calendario cultural. É un punto de encontro de escritores e escritoras de Galicia e tamén de amantes da literatura.
Pero sobre todo, tamén unha xornada única onde, ademais das presentacións e o debate, hai moito humor e ata sorpresas”. Fernández convidou a toda a veciñanza a participar porque, segundo afirmou, “é unha actividade moi amena, diferente e que cada ano nos deixa un gran sabor de boca”. O edil aproveitou tamén para agradecer “o traballo, que é practicamente dende que rematan unha xornada ata a edición seguinte, de Cristín e Lizzie, quenes están detrás disto e nunca fallan”.
A sesión matinal comezará ás 9:30 horas coa benvida e dará paso, ás 9:45, á primeira mesa titulada Alma de cristal, na que participarán Clara Maio, Yoly Mosteiro, María Vila Tarela e Kohi Desu. Tras un breve descanso e sorteo, ás 11:45 terá lugar a mesa Voy a cuidarte, coa presenza de Antiliados, Magali R. Matar, Antía Martín e Rubén Benítez. A mañá pecharase con Seis historias por contar (12:45 h), un encontro no que Andrea (@susurrosentrepaginas), Esther (@diasinmas9), Noelia (@noelautnerstory), Estefanía (@lady.sailor.romantasy) e Andrea (@farfa_letras) compartirán experiencias, novidades e reflexións sobre o proceso creativo.
“As mesas da mañá van ser moi dinámicas e divertidas —adiantou Lizzie Quintas—. Non queremos presentacións convencionais, senón conversas cheas de preguntas, anécdotas e esas cousas que teñen chicha e que sempre fan rir e pensar ao público”.
Quintas explicou que, ademais, “este ano os xogos literarios non se repiten: temos probas totalmente novas, tanto pola mañá como pola tarde. A xente que veña vaise sorprender”. A actividade retomarase pola tarde ás 16:30 horas coa mesa Un amor al compás, protagonizada por Javier Romero, Espe Villanueva, Nora Deis, José Incoherente e Noelia Márquez. Ás 17:30, terá lugar un dos momentos máis especiais da xornada: a presentación da madriña desta edición, Rocío Mañana Bouzón, coñecida tamén como Lía GZ. “Escollela como madriña foi moi doado —explicou Cristín Ferro—. O evento pedíanos que fora unha persoa especial para nós e para Galicia. Este ano tocaba unha galega que ademais é galegofalante, e Rocío encaixaba á perfección. Recoméndovos moito que veñades á súa presentación, porque é unha autora con moitísimos libros, non só de poesía, senón tamén de prosa poética e novela. Seguro que vos sorprende”.
Rocío Mañana Bouzón, nacida na Coruña en 1992, cumpliu o seu soño de ser escritora en 2017, cando publicou o seu primeiro libro de prosa poética. Dende entón, alterna novela e poesía, sempre coa súa amada Galicia como pano de fondo. Este ano publicou Renacer, a súa obra máis íntima, escrita en galego, coa que pretende “chegar ao corazón das persoas e render homenaxe á súa terra”.
A tarde continuará cun concurso sorpresa ás 18:00 horas, seguido de novos xogos e sorteos, e culminará coa mesa final, titulada precisamente Renacer (19:30 h), na que participarán Alexia MC, Elizabeth Norlam, Lydia Chas e Zara Mist, antes da despedida e do sorteo final ás 20:25 horas. Lizzie Quintas destacou tamén o carácter aberto e inclusivo do encontro: este ano temos moitos autores e autoras noveis, que participan por primeira vez nun evento deste tipo.
Ademais de moitos galegos, tamén virá xente de Barcelona ou das Illas Baleares. O encontro está medrando dunha maneira bestial, e agardamos que siga sendo así”. Cristín Ferro, pola súa banda, quixo lembrar o espírito que define a cita: “Non é para contala, é para vivila. Recoméndovos que veñades, coñezades a todos os escritores e escritoras, moitos deles por primeira vez aquí, e desfrutedes dun día cheo de letras, humor e amizade”.
O evento conta co apoio do Concello do Carballiño e coa colaboración da editorial de autoedición Ediciones Arcanas, que un ano máis aposta por esta iniciativa cultural.