O Carballiño acollerá unha reunión do Eixo Atlántico para impulsar unha rede termal da Eurorrexión

29, Xuño 2016

O Eixo Atlántico convocará unha reunión no Carballiño o 13 de setembro para impulsar a creación dunha rede termal no marco da Eurorrexión.

Esta iniciativa tómase dende o Eixo Atlántico a proposta do alcalde do Carballiño que, como rexidor dunha vila membro da organización, considera de gran interese elaborar unha estrategia propia para as vilas e cidades termais que forman parte do Eixo Atlántico.

En total, serán sete as vilas e cidades galegas convocadas, e outras seis de Portugal. Así, figuran nesta relación, ademáis do Carballiño, Laias, Lobios, Mondaríz, Lugo, Ourense e Caldas de Reis, en Galicia, e Termas de Sâo Jorge (Santa María da Feira), Chaves/Vidago/Pedras Salgadas, Caldas da Saúde (Santo Tirso), Taipas (Guimarâes), Caldas de Aregos (Rosende) e Melgaço.

Será a segunda reunión que teña lugar no Carballiño do Eixo Atlántico, pois no pasado mes de febreiro xa se reuniron na vila os concelleiros e técnicos de turismo das vilas e cidades que forman parte da organización. O interese do Carballiño nesta xuntanza reside, fundamentalmente, na posibilidade de impulsar a promoción dos establecementos termais, aproveitando a sinerxia do Eixo Atlántico.

De feito, os cambios que se están producindo en materia termal no Carballiño últimamente, coa construción do novo balneario de Partovia, a prevista renovación das instalacións do Gran Balneario do Carballiño, e a mellora da zona termal do Bañiño de Arcos, esixe a toma de iniciativas para anticiparse a estes cambios e fortalecer a relevancia do Carballiño nos principais foros termais. De aí que se considere de especial importancia esta proposta do Eixo Atlántico.