O Carballiño celebra este domingo a 1ª Festa dos Callos, promovida polo Arenteiro para conseguir recursos económicos para o club

9, Febreiro 2017

A I Festa dos Callos, que organiza C.D. Arenteiro, en colaboración co concello do Carballiño, nace cunha dobre intencionalidade: por unha parte para acadar fondos para o club e por outra como un evento de dinamización turística.

Así o expresaron esta mañá o concelleiro de Deportes e Turismo, José Manuel Dacal, e o vicepresidente do club Manuel Sotelo, durante o acto de presentación.

De feito, a intención é que se poida repetir o próximo ano e nos seguintes para poder institucionalizala. Dacal asegurou que era unha boa iniciativa, xa que o club precisa o apoio dos carballiñeses para poder sacar adiante ao equipo e a escola de fútbol, e poder conseguir o tan ansiado ascenso.

Ademais, dixo que era un evento gastronómico que pode suscitar o interese de veciños e visitantes e que pode ser un revulsivo máis para dinamizar a vila durante este domingo. No mesmo sentido se pronunciou Sotelo, que animou aos carballiñeses a achegarse ata a carpa instalada na Pista Vermella da Praza do Emigrante para degustar os callos e outros productos gastronómicos, como empanada, pulpo e churrasco.

Asemade, dixo que ía haber un xogo inchable para os máis cativos e un ambiente auténticamente festivo. Tamén sinalou que os socios do club terán 1 euro de desconto na ración de callos, que se venderá ao prezo de 6 euros. As de pulpo e churrasco costarán 8 euros, e a de empanada 2,50 euros. A carpa estará aberta este domingo, 12 de febreiro, dende as 10 da mañá ata as 10 da noite.