O Carballiño celebra o "Dia da Emigración" con homenaxe ao Centro Galego de México, pasarrúas de mariachi e concerto da eurovisiva Lucía Pérez

22, Xullo 2025

O Concello do Carballiño dá o pistoletazo de saída da intensa programación da Festa do Pulpo 2025 este xoves 24 de xullo. Serán 20 días repletos de actividades culturais, musicais, gastronómicas e de confraternización nos que O Carballiño recibirá a miles de visitantes. A Festa do Pulpo convértese cada ano nunha celebración de encontro da emigración, que nestas datas regresa ás súas casas para desfrutar das vacacións, da familia e da terriña.

O Concello do Carballiño, en colaboración coa Secretaría de Emigración, impulsa este ano o Día do Emigrante, unha xornada de celebración e homenaxe a todos os veciños e veciñas que cruzaron o Atlántico en busca dun futuro mellor sen esquecer nunca as súas raíces. “É un día de agradecemento aos nosos emigrantes, sen os que O Carballiño non sería o que é”, explica Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

A xornada inclúe a entrega dunha placa a Alfonso Martínez, presidente do Centro Gallego de México, en recoñecemento da importante labor desta entidade, impulsada polos galegos emigrados no 1911, hai máis dun século. “A intención é homenaxear cada ano á comunidade emigrante galega dun país distinto”, detalla Dacal.

A celebración tamén conta cun pasarrúas moi especial, en honor á cultura mexicana. Así, os integrantes de Mariachi Juvenil Mi Tierra encherán coa súa alegre música as rúas da vila a partir das 20,00 horas.

O plato forte da xornada é o concerto da eurovisiva galega, Lucía Perez, quen actúa por primeira vez no Carballiño. “Parto das cancións do meu repertorio, pero mesturadas con cancións do folclore galego. É un concerto moi dinámico, estou rodeada de grandes músicos e imos a dalo todo!”, asegura a propia artista. O concerto, que terá lugar na Praza Maior, arranca ás 23,30 horas