O Carballiño celebra a Semana das Letras Galegas con lecturas, exposicións,contacontos, fotografía, concertos e teatro

12, Maio 2019

Do 13 ao 19 de maio, o concello do Carballiño ten programadas unha ducia de actividades para conmemorar a Semana das Letras Galegas. Entre estas iniciativas figuran obradoiros, contacontos, concertos, teatro e unha exposición fotográfica, que se desenvolverán ao aire libre, na bilblioteca, no auditorio municipal, no concello e nos centros educativos.

Así mesmo, distribuirase un marcapáxinas de homenaxe a Antonio Fraguas, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2019.

Na Biblioteca Municipal haberá un obradoiro de carautas de Antonio Fraguas, o luns 13 ás 18,00 h.; unha xincana infantil o martes 14 á mesma hora; o mércores 15 un contacontos, tamén ás 18,00 h., e o xoves 16 ñas 12,00 h., lectura de fragmentos da obra “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao, pola aula de Teatro do Instituto Chamoso Lamas.

O Conservatorio Profesional de Música programa para o martes 14 de maio, ás 20,00 h., no auditorio municipal, un concerto do alumnado conmemorativo do Día das Letras Galegas.

O xoves 16, ás 20,00 h., na Praza Maior, o concello programa en colaboración coa Deputación de Ourense a performance “A viaxe do afiador”, pola Asociación Cultural Plan-B-Grupo de Teatro. Historias contadas por un afiador, un cego e unha meiga.

O venres 17, Día das Letras Galegas, o concello programa en colaboración co Círculo Poético Ourensán un concerto-recital de poesía e música. Será ás 12,00 h., na Praza Maior.

E o mesmo día, pola tarde, o Centro de Estudios Chamoso Lamas presenta no salón de actos do Casino ás 19,30 h., o libro “Cemiterios Esquecidos: O fenómeno tumulario na comarca do Arenteiro”, de Jorge Lamas.

Finalmente, o 18 e 19 de maio, terá lugar o Maratón Fotográfico O Carballiño, que organiza a Asociación Fotográfica O Potiños en colaboración co concello e o Centro Comercial Aberto.

Así mesmo, exhíbese no concello unha exposición sobre a obra de Antonio Fraguas, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2019.

E o concello editou un marcapáxinas para distribuir nos centros educativos e entre a veciñanza de homenaxe a Antonio Fraguas.