O Carballiño despide o mes de Xullo con ambiente de feira, teatro infantil e música tradicional

30, Xullo 2020

Ambiente de feira, con mercado e pupeiras, como cada derradeiro de mes, e ademáis O Carballiño despídese de Xullo neste venres dia 31 con tres espectáculos no anfiteatro da Praza da Veracruz, e dentro da programación de verán da concellería de cultura do concello carballiñés.

Da man de Talía Teatro chega unha proposta familiar e infantil "Voa, voa", unha peza pensada para lembrar e divulgar a arte de xogar coas palabras; para animar a nais, pais, avoas e avós a lembrar os seus xogos de infancia e o vocabulario que neles había e enredar coas nenas e nenos de hoxe empregando os devanditos, retrousos, xogos de man... que chegaron a eles transmitidos xeración tras xeración e cos que tanto se divertiron de pequenos. Voa, voa, que conta cunha axuda á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, estará este venres, 31 de xullo, ás 11,30 h., no anfiteatro da Veracruz.

O primeiro concerto de música tradicional da xornada estará a cargo do grupo folk “Caldo” cun repertorio a base detemas tradicionais e composicions propias. O concerto, que se enmarca na Rede Galega de Teatros e Auditorios, terá lugar ás 20,00 h., no anfiteatro da Veracruz, con entrada libre e aforo limitado. CALDO son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Creado con agarimo, CALDO resulta un prato musical delicioso, no que os ingredientes viven unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. Neste proxecto, apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material recolleito polo mestre Xisco Feijóo e as informantes Rosa e Aída Garrido. Así, no seu primeiro disco, formado por tema orixinais, CALDO emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nolos seus concertos.

E xa por último, o gaiteiro carballiñés Isidro Vidal ofrece este venres un concerto de música folk no anfiteatro da Veracruz, dentro do programa cultural do verán 2020. A actuación será ás 21,00 h., con entrada libre e aforo limitado. Isidro Vidal busca poñer de actualidade a gaita mesturada con sons máis electrónicos, e neste concerto estará acompañado por Carlos Mariño (sintetizador) e Suso Feixón (percusión).