O Carballiño despide o verán coas Festas do Setembro. Consulta aquí o programa.

3, Setembro 2025

O Carballiño prepárase para celebrar as festas na honra do seu patrón, San Cibrao. A celebración, como é habitual, porá o broche de ouro á extensa programación lúdica e cultural do verán carballiñés. Os festexos na honra de San Cibrao comezan o venres 12 de setembro, ata o venres 19, e inclúen citas musicais, lúdicas, deportivas e culturais.

A comisión de festas destaca a variedade de propostas, pensadas para poboación “de todas as idades”. Neste sentido, os organizadores convidan á veciñanza a asistir e colaborar coa celebración coa compra do libro festivo. De feito, será posible adquirir exemplares na oficina de recadación do Concello e na oficina de Turismo. Ademais, a comisión percorrerá diversos puntos da vila nos próximos días, como este domingo na Praza Maior.

O libro de man das festas inclúe un artigo do xornalista, escritor e presidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez Calvo, ilustrado con fotografías de José Luis Diz representativas do patrimonio cultural, termal, natural e gastronómico do Carballiño. Trátase de poñer en valor, a través de imaxes simbólicas, diversos aspectos deste legado que é preciso preservar. Esta publicación permite reivindicar estas partes esenciais da historia da vila e serve como modelo de proxección de cara ao futuro, sobre todo no referido ao desenvolvemento turístico. Así, nesta galería de imaxes comentadas con textos breves recóllese o Templo da Veracruz, o Gran Balneario, o Parque Municipal, o Museo das Lousas, Emilia Pardo Bazán, a fonte do Concello ou a elaboración da tapa xigante de polbo, entre outras fotografías. O libro tamén inclúe un texto do escritor carballiñés Miguel Anxo Fernández sobre a fotógrafa Lola Veleiro e a súas numerosas imaxes sobre a vila. O fotógrafo José Luis Diz foi o encargado de realizar o cartel das festas patronais.

Música para todos os gustos: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e grandes orquestras como Panorama ou Combo Dominicano

Os festexos comezan o venres 12 coa inauguración do alumeado e coa última cita do ciclo musical “Feito no Carballiño”. Sobre o escenario da Praza Maior actuarán a partir das 20,00 horas Five Pipers, Susi Q’s e Os Kambotes. Ás 00,00 horas arrancará a Festa da Xuventude na rúa Faustino Santalices, coa participación de Malenne e de DJ Valeiras.

O sábado 13, a oferta inclúe Festa Infantil de Olimpíadas con DJ Tibu, ás 17,00 horas na Praza Emilia Pardo Bazán. A continuación actuará a Charanga CLK, quen deixará paso a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, unha das agrupacións galegas máis importantes no panorama nacional e internacional. O concerto, no que presentarán o seu último álbum, “Axúdame a sentir”, arranca ás 20,30 horas na Praza Maior. Festicultores Troupe ambientarán a noite co seu espectáculo, que terá dous pases, o primeiro ás 23,00 horas e o segundo, ás 00,30 horas. A Praza da Veracruz acollerá un espectáculo piromusical ás 00,00 horas.

Xa o domingo 14, a Banda de Música A Lira de Ribadavia actuará na Praza da Veracruz ás 13,15 horas. Os concertos proseguen coa Charanga Dr.Anchoa, que ambientará a Praza Juan Corral Paxariño desde ás 19,00 horas. Xa pola noite, actuará a Orquestra Florida, con dous pases na Praza Maior, o primeiro ás 20,30 horas e o segundo, ás 23,00 horas.

O luns15, a veciñanza desfrutará da Orquestra Nueva Fuerza (Praza Maior, ás 19,30 horas) e do espectáculo da Orquestra Panorama, unha das máis recoñecidas en Galicia e no resto de España. O seu concerto comezará ás 00,00 horas, na Praza da Veracruz.

O martes 16, os festexos continúan con música para todos os gustos. Arranca a xornada o grupo “Os serandeiros” na feira e continúa a orquestra Combo Dominicano co seu espectáculo na Veracruz. Haberá dous pases, o primeiro ás 21,00 horas e o segundo, ás 01,00 horas. O martes tamén haberá a gran tirada de fogo fixo e voador (a entrada no Parque Municipal é a partir das 23,00 horas). Ademais, na Praza Maior actuará Broken Peach a partir das 23,30 horas.

O mércores 17, dia festivo de carácter local no municipio do Carballiño, a Charanga Castrobello porá a nota musical matutina. Ás 11,00 horas terá lugar no Templo da Veracruz a misa solemne na honra de San Cibrán, patrón do Carballiño. A agrupación musical de Boborás actuará ás 13,15 horas na Praza da Veracruz; pola tarde será o espectáculo da Escola de Música Pulpo Beats na Praza Maior, ás 18,00 horas, e ás 19,30 horas a Orquestra Galilea dará un concerto na Praza Maior.

O xoves 18 celebrarase o Día do neno nas atraccións, con descontos especiais para as familias.

Xa o venres 19 levarase a cabo a gran romaría da Saleta. 

A comisión tamén destaca o resto de actividades durante o mes de setembro.

Así, a poboación tamén poderá desfrutar de citas como o partido de fútbol Arenteiro-Unionistas de Salamanca (domingo 7); a Feira-Festa da Pepa Loba (días 5,6 e 7 de setembro); o tradicional Memorial José Luis Blanco Concentración de Coches Históricos (sábado 13); o Arenteiro Fotográfico impulsado pola asociación O Potiños (13 de setembro-26 de outubro); cine co Cineclube Carballiño (días 18 e 19), e a 42º edición do Festival Galaico Portugués de Música (día 27).