O Carballiño e Maside acollen as primeiras actividades do "Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías"

16, Xuño 2016

O Gran Balneario do Carballiño e a igrexa de Santomé O Novo de Maside, dúas obras emblemáticas do arquitecto Daniel Vázquez-Gulías na comarca do Carballiño, acaparan a atención da primeira actividade que promove o centro cultural que leva o nome do arquitecto nado en Beariz no ano 1869.

O edificio do Gran Balneario foi inaugurado no ano 1900 e a igrexa de Maside en 1910, e ambas construccións son, cada unha no seu estilo, moi significativas na obra da Daniel Vázquez-Gulías.

A visita a ambos monumentos será guiada polo arquitecto nado en Maside, Óscar Gónfer.

A visita comezará ás 11,00 h., cunha recepción do alcalde de Maside, Celso Fernández, aos integrantes e convidados do centro cultural desplazados en autobús dende a capital da provincia. A continuación percorrerase a igrexa de Santo Tomé.

Ás 12,00 h., está previta a chegada ao concello do Carballiño, onde serán recibidos polo alcalde, Francisco Fumega. A continuación traladaranse ata o Balneario, onde serán recibidos polo xerente e se percorrerán as instalacións; sobre as 14,00 h., proxectarase un video sobre a vida e a obra de Daniel Vázquez-Gulías no restaurante Comonacasa e, de seguido, haberá un xantar.

Entre os convidados que xa confirmaron a súa asistencia a estes actos figuran o presidente da delegación en Ourense do colexio de arquitectos, Alberto de Paula, e o arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto, premio nacional de arquitectura.

Asemade, tamén se espera unha representación institucional do ámbito cultural da Deputación, do concello de Ourense e da Xunta de Galicia.

A presidenta do centro cultural e neta do arquitecto homenaxeado, Lucila Vázquez-Gulías, convida ás asociacións culturáis, ao colectivo profesional da arquitectura e a todas as persoas que teñan interese en coñecer o legado de Daniel Vázquez-Gulías, a participar nestas visitas ao Carballiño e a Maside que marcan o comezo da actividade do centro cultural creado recentemente para promover a vida e a obra deste insigne arquitecto bearicense.