O Carballiño incrementa o padrón e recupera o 2º posto na provincia en número de habitantes. O resto dos concellos da Comarca perden 266 habitantes, tras a última actualización do padrón municipal

3, Xaneiro 2019

O Carballiño volve recuperar a segunda posición ente os concellos con máis habitantes da provincia, tras a capital. Unha condición que perdera a finais do século pasado en favor do concello de Verín.

Tras a última actualización do padrón de habitantes, que ven de publicar o INE, o concello do Carballiño consigue incrementar a súa poboaccion en 85 persoas, o que sitúa o padrón municipal en 13.939 habitantes. O do Carballiño é o segundo concello da provincia que máis incrementa a súa poboación, tras o de Barbadás, tan so nove concellos consiguen aumentar a súa poboación no transcurso do último anos, entre os 92 municipios da provincia. Tras varios anos de caída, O Carballiño consigue parar esa tendencia negativa.

Os outros oito concellos da comarca carballiñesa perden poboación, no seu conxunto 266 habitantes menos.

O que máis perde, Boborás, cun descenso de 68 habitantes, seguido de San Cristovo de Cea que perde 50 e O Irixo, 42 habitantes menos. Piñor retrocede 32 habitantes, Maside ten 30 habitantes menos que fai un ano atrás, San Amaro perde 21, Punxín 14 e Beariz 9, respectivamente.

Se temos en conta o incremento do Carballiño, concluirémos que no cómputo da Comarca o retroceso do padrón de habitantes é de 181, a menor caída dos últimos anos.