"O Carballiño, industria e comercio 1925-1995", unha nova aportación á memoria histórica do Carballiño

7, Xuño 2019

Co título de “O Carballiño, industria e comercio (1925-1995)”, editado polo concello do Carballiño en colaboración coa Asociación Fotográfica O´Potiños e o Centro Comercial Aberto, acábase de presentar un libro que recolle a historia gráfica da industria e o comercio da vila carballiñesa durante o século XX.

Esta publicación, que é continuación doutra titulada “Xentes do Carballiño” e que se levou a cabo hai tres anos, obedece o obxectivo de recuperar a memoria histórica do Carballiño, según dixo o alcalde, Francisco Fumega, durante o acto de presentación desta obra.

A este acto asistiron, ademáis do alcalde, o presidente da Asociación Fotográfica O´Potiños, Manuel Blanco; o directivo desta entidade José Luis Diz; o presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga, e o director do Instituto Chamoso Lamas, José Manuel Vázquez. O libro consta de 127 páxinas que conteñen centos de fotografías e anuncios do período comprendido entre 1925 e 1995, e incluso algúns grabados de finais do século XIX, así como un DVD con entrevistas a comerciantes, que foron realizadas por alumnos e profesores do Instituto Chamoso Lamas.

Editáronse un total de 1000 libros, que serán distribuidos entre as persoas que colaboraron coa publicación cedendo fotografías, entre os comerciantes e aqueles veciños interesados en coñecer a historia da vila.

Francisco Fumega destacou a importancia do comercio na historia do Carballiño, e dixo que esta publicación viña a incrementar os fondos municipais na recuperación da memoria histórica da vila. “O comercio é un sector económico esencial do Carballiño. O é na actualidade e o foi históricamente, pois a actividade comercial sempre estivo vencellada coa nosa vila, e non se podería entender o seu crecemento sen a puxanza do comercio, da hostalería e da industria” -dixo.

Referiuse ao recoñecemento efectuado pola raíña rexente María Cristina en febreiro do ano 1901: “Queriendo dar una prueba de mi real aprecio al Ayuntamiento de Carballino por el progreso de su agricultura, industria y comercio, en nombre de mi augusto hijo el Rey D. Alfonso XIII, y como reina regente del Reino, vengo en concederle el tratamiento de Excelencia”, e expresou a súa satisfacción por contribuir á recuperación da memoria histórica do comercio e da industria do Carballiño a través da fotografía, polo que agradeceu a iniciativa e o traballo realizado pola asociación fotográfica O´Potiños.

Finalmente, agradeceu “a todas as persoas e familias que integraron e integran o sector comercial e dos servizos, así como o industrial, pola súa contribución ao desenvolvemento do Carballiño”. Julián Garriga compartiu as palabras do alcalde e felicitou ao concello e a Potiños polo libro, do que dixo era “precioso e emotivo”.

Así mesmo, destacou o importante que foi, que é e que seguirá sendo o comercio no Carballiño. Tamén agradeceu que se contase con eles para a elaboración do libro.

José Manuel Vázquez expresou a seu orgullo por participar na elaboración do DVD con entrevistas a comerciantes, realizadas por alumnos e profesores do Instituto Chamoso Lamas. Neste sentido, destacou a importancia da fotografía e do cine como ferramentas educativas e fixo mención aos programas de innovación educativa e proxectos que se realizan neste centro educativo.

Manuel Blanco amosouse honrado por presentar este traballo, do que dixo era a culminación do iniciado con libro “Xentes do Carballiño”, e que era froito dunha longa colleita de fotografías antigas por parte da Asociación Fotográfica O´Potiños. Ao respecto dixo que este libro quedará aí como parte da historia do Carballiño.

Explicou a dificultade para realizar este colleita fotográfica, xa que de moitos antigos establecementos non foi posible atopar imaxes. Agradeceu a cesión de fotografías efectuada pola xente, a colaboración do CCA e do Instituto Chamoso Lamas, en especial do profesor Ricardo Paz, que grabou as entrevistas, e ao fotógrafo Moncho Fuentes, que cedeu desinteresadamente moitas fotografías. Tamén se referiu á veciña Lidia Alemparte, que foi unha das persoas entrevistadas pero que falleceu antes da publicación.

Finalmente, José Luis Diz destacou que era un libro para ver, como todos os realizados pola asociación O´Potiños, e que se tivo en conta na súa elaboración tanto os oficios artesanais e industriais como o comercio de sempre.