O Carballino logra un novo record mundial ao conseguir picar 580 quilos de pulpo en 10 minutos e 28 segundos.

8, Agosto 2023

Os pulpeiros e pulpeiras do Carballiño conseguiron o que parecía imposible. Prepararon, soportando temperaturas extremas, a tapa de pulpo máis grande do mundo: 580 quilos, 65 máis que na pasada edición, dos que deron boa conta os centos de veciños, veciñas e visitantes que quixeron ser testemuñas da consecución deste dobre récord. E fixérono en 10 minutos e 28 segundos, conseguindo rebaixar o tempo con respecto ao 2022.

Ao redor dun prato de 5,37 metros de diámetro cortaron este manxar máis dunha trintena de profesionais e as impresionantes imaxes quedan para o recordo. Nesta 61 edición, a segunda dende que se declarou festa de interese turístico internacional, os pulpeiros e pulpeiras deixaron moi alto o listón.
Para a elaboración da tapa de pulpo tamén foron necesarios 45 litros de aceite, 5 quilos de sal e 2 de pimentón.

O Carballiño leva xa máis dunha semana celebrando a Festa do Pulpo cunha programación que se estenderá ata o domingo, 13 de agosto, cando está prevista a gran romaría no Parque Municipal. Debido a gran demanda registrada mañá, entre as 9.00 e as 14.00 horas, poranse a venda 100 novas entradas para a comida no recinto oficial.

O Concurso de Camisetas, o 12 de agosto, contará con animación DJ, a partir das 18.00 horas, e será outro dos pratos fortes.

Este é o programa detallado para os próximos días:

9 de agosto:
Concerto de pop rock: Soul & Roll. Praza Maior 20.30 horas.

10 de agosto:
Festival Folclórico Internacional. Praza Maior. 22.30 horas.

11 de agosto:
Torneo de fútbol Festa do Pulpo. CD Arenteiro-Lugo. Campo de Espiñedo. 19.30 horas.
Animación na rúa: Charanga Mekánica Rolling Banda. A partir das 20.00 horas.

12 de agosto:
Concurso de camisetas. Animación Dj`s. Praza Maior. A patir das 18:00 horas.

13 de agosto:
Festa do Pulpo no Parque Municipal.
11.00 horas: Saída dos grupos de música tradicional.
11.30 horas: Apertura de postos grastronómicos.
12.00 horas: Concertos “Son do Pulpo”. Música tradicional. Coribantes de Buchabade. Ardentía.
Saída das charangas pola vila.
14.00 horas: Apertura do recinto oficial.
17.00 horas: As charangas volven saír na vila.
20.30 horas: Orquestra Yukatán. Primeiro pase.
23.30 horas: Orquestra Yukatán. Segundo pase.