O Carballiño logra unha bandeira Sendeiro Azul, un recoñecemento ligado ás contornas termais que tamén consiguen na provincia A Arnoia, Laias, Lobios e Ribadavia.

20, Febreiro 2026

A provincia de Ourense vén de acadar cinco novas Bandeiras Sendero Azul 2026, segundo fixo oficial a ADEAC, entidade responsable deste recoñecemento a nivel estatal.

A Deputación de Ourense, a través da súa Área de Benestar, presentara cinco candidaturas vinculadas a contornas termais e balnearios, obtendo o recoñecemento para a totalidade das propostas remitidas: Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia. Estes percorridos combinan deporte, lecer e benestar e, ao mesmo tempo, contribúen á recuperación e posta en valor do patrimonio natural e cultural. Tamén son roteiros accesibles que animan a gozar da natureza e a practicar hábitos saudables.

Con este recoñecemento, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa excelencia ambiental, a valorización do termalismo como sinal de identidade provincial e a transformación dos recursos naturais en activos estratéxicos ao servizo da saúde, do turismo sostible e do desenvolvemento territorial.

Esta distinción eleva a seis o número total de bandeiras na provincia, sumándose estas cinco novas incorporacións á renovación da xa existente na Serra do Invernadoiro, consolidando así a presenza de Ourense na rede estatal de Senderos Azules.

Con estas incorporacións, Ourense intégrase con forza nunha rede nacional que supera xa os 1.200 quilómetros de itinerarios certificados en 24 provincias, pasando do último posto en número de sendeiros recoñecidos ao noveno lugar no conxunto do Estado.

O termalismo como eixo estratéxico de saúde pública

A estratexia impulsada pola Deputación de Ourense supón unha evolución cualitativa dentro do programa Senderos Azules. Historicamente marcado por unha forte presenza de contornas marítimas, o programa incorpora agora con forza o modelo de interior liderado por Ourense, que sitúa o termalismo como eixo vertebrador dos novos itinerarios.

Este enfoque transforma os sendeiros en auténticas infraestruturas de saúde pública, favorecendo o envellecemento activo, a cohesión social e a promoción de hábitos saudables. A aposta pola accesibilidade universal permite que persoas de todas as idades poidan integrar estes percorridos na súa vida diaria, reforzando o vínculo entre patrimonio natural, benestar e calidade de vida.

Excelencia técnica e compromiso ambiental

A permanencia na rede de Senderos Azules esixe un compromiso permanente de mellora e avaliación continua. Un xurado multidisciplinar de expertos en saúde, medio ambiente e mobilidade supervisa o cumprimento dos criterios establecidos por ADEAC.

A Deputación acreditou a solvencia técnica dos trazados nas catro áreas fundamentais de avaliación: características e deseño do percorrido; garantía de seguridade, estabilidade e coherencia do trazado; información ao usuario e correcta sinalización; conservación do patrimonio e xestión activa dos valores naturais e culturais; e liderado territorial e nova xeración de sendeiros de interior.

Na convocatoria 2026 incorporáronse 40 novos sendeiros á rede estatal, dos cales cinco corresponden á provincia de Ourense, o que representa o 12,5 % da expansión total.

Este dinamismo sitúa a Ourense na denominada “nova onda” de sendeiros de interior, xunto a incorporacións inéditas como as de Aragón ou Melilla, contribuíndo a romper o histórico sesgo costeiro do programa e reforzando o papel estratéxico do interior peninsular na política ambiental e de benestar.

Entrega oficial das bandeiras

O acto oficial de entrega das Bandeiras Sendero Azul 2026 celebrarase o vindeiro 6 de marzo no Castillo de Cullera. Posteriormente, a “Xornada Técnica Sendero Azul en España” desenvolverase os días 25 e 26 de marzo na Región de Murcia.