O Carballiño retira a bandeira da UE como sinal de protesta pola xestión europea na crise dos refuxiados

18, Marzo 2016

Os portavoces dos grupos municipais do Carballiño arriaron este mediodía a bandeira da Unión Europea do balcón do consistorio en sinal de protesta polo posicionamento europeo ante a crise dos refuxiados sirios. Por este motivo, a bandeira europea deixará de ondear xunto coas bandeiras de Galicia e de España no balcón do concello.

Este acordo foi tomado unánimemente polos representantes dos catros grupos políticos, PSOE, PP, BNG e AV, a proposta do portavoz do BNG, Francisco Ferreiro co apoio do portavoz de AV, Bernardo García, durante unha reunión da Xunta de portavoces.

O alcalde, Francisco Fumega, sinalou que se trataba dunha chamada de atención pola crise humanitaria que se está vivindo nas fronteiras europeas coas persoas que fuxen da guerra de Siria.

O portavoz do BNG, Francisco Ferreiro, agradeceu o apoio á súa proposta e dixo que había que trasladar á cidadanía esta catástrofe humanitaria, que cualificou como a peor desde a Segunda Guerra Mundial, que ten xa contabilizados arredor de dez mil nenos e nenas desaparecidos.

O portavoz do PP, Argimiro Marnotes, indicou que era un feito simbólico, unha forma de poñer en evidencia o que está a pasar, e que a Unión Europea ten a suficiente capacidade e infraestrutura para cobixar aos refuxiados.

Finalmente, Bernardo García, de Alternativa Veciñal, recordou que O Carballiño era un pobo solidario, como xa o había demostrado acollendo na Residencia do Tempo Libre aos refuxiados bosnios que fuxían da guerra en Yugoslavia, e que propoñía que no próximo pleno municipal se acordase por unanimidade ofrecer de novo a Residencia para cobixar a refuxiados sirios.