O carnaval de verán reunirá este sábado a 500 comparsistas no gran desfile polas rúas do Carballiño

14, Xullo 2016

O gran desfile comezará ás oito da tarde na Praza da Veracruz e rematará na Praza Maior, despois de percorrer as rúas Curros Enríquez, Xullo R. Soto, Centro do Carballiño en Bos Aires, Tomás María Mosquera, Rosalía de Castro, Cuesta e Perfectino Vieitez.

No desfile participarán moitas das comparsas e murgas do pasado entroido pero con algunha nova incorpración.

Así estarán no desfile Os Liborianos, a Asociación Cultural O Castro de San Amaro, a Asociación Veciñal da Parroquia de Freixo, a Asociación Cultural Os Arrieiriños, Lumareda, Club Deportivo Pedriña By Paraño, a Anpa da Uceira, Aspadisi, Asociación Sta. Águeda de Maside, Asociación de Veciños As Neves de Grixoa, Castro Vello e Os Solfamidas de Campolameiro, Pontevedra.

O día anterior, o venres, 15, terá lugar o Entroido de Verán Infantil, coa participación de preto de trescentos rapaces e rapazas, que realizarán obradoiros de máscaras e outras actividades, animadas por o DJ TIBU. Os cativos estarán na Praza Maior dende as 10,00 h., ata ás 13,30 h.

O evento foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e dous representantes do sector da hostalería, Teresa Vázquez e José Manuel Labandeira.

Diego Fernández agradeceu a colaboración e implicación dos hostaleiros que engalanarán os seus establecementos e vestiranse con roupa acorde coa celebración do entroido.

Asemade, dispensarán uns vales para as ceas das comparsas. Tanto os hostaleiros como o concelleiro esperan cando menos un éxito semellante o do pasado ano ou incluso superior, polo que animan aos veciños a disfrazarse o sábado para contribuir a engrandecer a festa.