O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o premio "Torques de Honra 2017" ao arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto

28, Novembro 2017

O Centro de Estudios Chamoso Lamas acordou conceder ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto o “Torques de Honra 2017”. Trátase dun galardón que outorga con carácter bianual esta entidade para distinguir o traballo de persoas e entidades a prol da conservación, recuperación e divulgación do patrimonio histórico-cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

Nesta quinta edición regular do premio, os integrantes do Centro de Estudios Chamoso Lamas tomaron en consideración o importante labor desenvolvido por Manuel Gallego Jorreto no proxecto de rehabilitación da antiga fábrica de papel da Lavandeira, así como do que realiza na actualidade para ampliar as instalacións termais do Gran Balneario do Carballiño.

O galardón lle será entregado nun acto que se desenvolverá no Carballiño o próximo mes de decembro, e que se anunciará previamente.

Manuel Galllego Jorreto, nado no Carballiño en 1936, ten recibido numerosos premios, entre eles, o Premio Nacional de Arquitectura (1997), Medalla de Ouro da Arquitectura (2010) e Medalla de Ouro de Galicia (2016). Colaborou co Centro de Estudios Chamoso Lamas, sendo ponente no I Congreso “O Home e o Medio”, e varios historiadores desta entidade conlaboraron co él na aportación da documentación histórica da antiga fábrica de papel da Lavandeira. Na actualidade ultima o proxecto de ampliación das instalación termais do Gran Balneario, cuxas obras comezarán nos próximos meses.

Dende a creación do Torques de Honra, no ano 2008, o Centro de Estudios Chamoso Lamas leva concedido un total de sete galardóns, tres de xeito extraordinario e catro con carácter ordinario e bianual. Os catro últimos entregáronse ao Museo Etnolóxico de Ribadavia e ao seu creador Juan Carlos Sierra (2015); a Fray Damián Yáñez, bibliotecario do Mosteiro de Oseira (2013); ao Almanaque Agrícola (2011) e a Olimpo Liste, creador do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira (2009).