O Cine-Club Carballiño celebra durante esta semana varios actos dentro do programa especial conmemorativo do seu 50 aniversario

2, Maio 2019

A entidade cineclubista carballiñesa pon en marcha esta semana unha programación especial co motivo da celebración do seu 50 aniversario.

O xoves día 2 de maio comezan os actos na libraría Escolma ás 20.15 horas coa proxección do documental Vigo 1972, que estará presentado polo seu produtor Emilio J. Fernández. A entrada será libre ata completar aforo.

Ao día seguinte, 3 de maio, continuando coas sesións habituais en venres no Auditorio municipal Manuel María, ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 en VOS, unha das mellores películas do ano, Cafarnaum, da directora Nadine Labaki. Nominada á mellor película de fala non inglesa nos Oscar e nos Globos de Ouro, Premio do Xurado no Festival de Cannes, nominada nos premios BAFTA e nos premios César franceses..

As actividades continuarán ao día seguinte, sábado día 4. Celebraremos no Apartahotel Arenteiro a asemblea da Federación de Cine Clubs de Galicia (FECIGA), na que estamos integrados dende a súa fundación. No mesmo lugar, ás 13:30 horas, faremos unha pequena homenaxe aos fundadores do cine club alá polo ano 1969, ao que asistirán representantes de todos os cine clubs de Galicia e membros das diferentes directivas que foi tendo a entidade nestes 50 anos de existencia.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, completaráse esta semana conmemorativa do 50 aniversario coa proxección do Auditorio Manuel María da película en formato para TV do cineasta José Manuel Mouriño, "El método de los claros". Será unha estrea na que contaremos coa presenza do director para a súa presentación. A entrada será libre.