O Cine-Club ofrece esta semana no auditorio unha programación extra con catro filmes

9, Novembro 2017

Esta semana o Cinema Club Carballiño desenvolve unha programación especial, con catro películas integradas dentro dun ciclo titulado Escravitudes.

Iníciase o xoves día 9 coa proxección ás 22:00 horas de Manderlay, do director Lars von Trier, unha impecable disección do xénero humano que estivo nomeada á Palma de Ouro en Cannes e á Espiga de Prata no Festival de Valladolid no ano 2005. O pase será en versión dobrada ao castelán.

O venres día 10 proxéctase I´m not your negro, sen dúbida un dos mellores documentais dos últimos anos, onde se repasa a historia do movemento afroamericano nos Estados Unidos. Gañadora do Premio ao Mellor documental para a Asociación de críticos de Los Ángeles, nomeado ao mellor documental nos Óscar e nos premios Gotham, está baseada no libro do escritor James Baldwin. Os pases serán ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 horas en VOS.

O sábado día 11 teremos Rebelde, filme canadense do 2012 que gañou o Festival de Tribeca e estivo nomeada aos Óscar no que se nos narra a historia de Komana, secuestrada por un exército rebelde nun dos moitos conflitos armados en África. Os pases serán ás 20:00 e ás 22:30 horas, ambos en VOS.

O ciclo péchase o domingo día 12 co nacemento dunha nación, dirixida por Nate Parker no 2016, gañadora do Premio do Público e da Mellor película no Festival de Sundance. O horario será ás 18:00 (versión dobrada ao castelán) e ás 20:00 horas (VOS).

Todas as proxeccións serán no Auditorio Municipal Manuel María, e o prezo do bono para acceder a cada película será de 3 euros.