O concello anula o concurso para a xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Espazo Común considera que é un exemplo "de ineptitude do goberno municipal" e pide explicacións a alcalde e concelleira de Servizos Sociais

26, Agosto 2020

O concello do Carballiño ven de anular o procedemento administrativo para a concesión municipal do Servizo de Axuda no Fogar e Espazo Común considera que é unha mostra "do nivel de incapacidade para resolver os problemas máis sinxelos que amosa o goberno do Carballiño comeza a ser preocupante. Queda claro que sendo o goberno máis caro da historia, semellan firmemente decididos a ser tamén o máis incapaz".

ESCO entende que "a xestión dun servizo público da importancia do de axuda no fogar, do que dependen un bo número de persoas e familias é unha clara mostra do desastroso funcionamento do goberno de Fumega". E explican a súa critica recordando como "despois de manter en precario, co contrato vencido, durante 20 meses, á empresa adxudicataria, no mes de maio o PSOE levou a pleno a aprobación dun novo concurso, incumplindo así o alcalde unha vez máis a súa propia palabra e esquecendo o compromiso de remunicipalizar dito servizo". Ademáis, recordan que "na sesión do 12 de maio aprobáronse uns pregos que dende Espazo Común xa advertimos que contiñan erros e irregularidades. A pesares dos avisos o rexedor decidiu continuar adiante e pasar o rodillo da súa maioría absoluta. Só un mes despois, o 17 de xuño tivo que recuncar e voltar a levar os pregos a pleno cun importante número de correccións".

Aseguran dende Espazo Común que a partir desa data, o único requisito era subir os pregos aprobados á Plataforma de Contratación do Sector Público para que as empresas interesadas poideran comezar a presentar ofertas. "Un traballo que nun mundo normal levaría apenas unhas horas, vai xa por tres meses e medio para que o Concello do Carballiño complete o trámite. A día de hoxe, a páxina para facelo, que leva pendurada da páxina dende o 10 de xullo xa foi rectificada o día 28, o que implicou unha obrigada ampliación do prazo legal para a recepción de ofertas e no día de onte, 25 de agosto aparece o concurso coma anulado",poñen de manifesto. Remarcan, finalmente que "a ineptitude á hora de xestionar un contrato de 4.500.000 € resulta impresentable e dende Espazo Común demandamos á concelleira responsable Guadalupe Sobrado e ó alcalde Fumega que dean explicacións de xeito inmediato".