O concello anuncia traballos de limpeza e conservación da Ponte Medieval de Veiga

18, Decembro 2017

O concello do Carballiño acometerá o próximo ano a limpeza integral da Ponte de Veiga. O proxecto, que foi encargado pola alcaldía ao estudio de arqueoloxía “ANTHROPOS”, que dirixe o arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, tamén contempla a cata dunha franxa de terreo arredor da ponte para descubrir un tramo da antiga calzada medieval.

O proxecto técnico xa foi presentado no concello e só resta a autorización de Patrimonio, que se tramita neste intre, para proceder á súa execución. A financiación correrá a cargo da institución municial, que aportará ao redor de 9.000 euros que costa a limpeza do monumento.

Na actualidade e dende hai tempo, a Ponte de Veiga atópase nunha situación de falla de limpeza e mantemento, coa invasión de especies vexetais como toxos e fentos, e incluso árbores nas inmediacións cuxas raíces e ramas poñen en perigo a propia integridade da ponte. De aí que o alcalde, Francisco Fumega, e co obxectivo de conservar e poñer en valor o patrimonio histórico-artístico, tomase a iniciativa de encargar o proxecto para preservar e valorizar o monumento.

A limpeza comprende a eliminación das especies vexetais, tanto superiores como inferiores, crecidas sobre a ponte e a retirada dos depósitos tanto de terra como de produtos da degradación da pedra acumulados nas superficies horizontais. Tamén se realizará unha limpeza suave da superficie para atenuar as manchas de humidade e suciedade e unificar o aspecto do conxunto. Así, retiraranse hedras, herbas, árbores, musgos, liques e algas. A limpeza realizarase a man e con utensilios que non provoquen erosións. No caso dos liques, na parte inferior, valorarase a conveniencia ou non de retiralos segundo a especie de que se trate.

Finalmente, procederase á limpeza duns 10 metros de cada beira do río e próximas á ponte xunto coa tala de varias árbores que, en caso de caída, afectarían á propia estrutura da ponte.

Ainda que nesta fase do proxecto a consolidación non é o obxectivo principal desta intervención, durante os tratamentos de limpeza é posible que se detecten puntos de inestabilidade estrutural, como pequenas fendas, que fagan necesaria unha consolidación puntual para garantir a estabilidade do conxunto ata que se realicen labores de retirada dos morteiros de cemento na zona dos petrís.

Polo que respecta á sondaxe da calzada, no proxecto contémplase a excavación dunha cuadrícula duns 32 metros cadrados situada ao este da ponte, co fin de verificar a existencia do antigo enlousado do camiño neste sector. No caso de que apareza este enlousado, procederase á súa restauración pola arqueóloga-restauradora Victoria Folgueira Fariña.

A Ponte Veiga é un dos monumentos medievais máis salientables do Carballiño. Figura na catalogación de xacementos arqueolóxicos levada a cabo no ano 2004 polo Centro de Estudios Chamoso Lamas sobre patrimonio Histórico-Artístico da comarca do Carballiño.

As primeiras pegadas do home no concello do Carballiño atopámolas fundamentalmente no entorno do polígono industrialo de A Uceira a xeito de restos materiais do paleolítico, pero foi na Idade Media cando o munipio cobrou importancia, coincidindo coa apracición na zona da comunidade do Císter de Oseira e a súa revalidade co Conde de Rivadavia por ocupar estas terras. Desta época atopamos un interesante abano de monumentos histórico-artísticos xunto cunha rede viaria que ainda na actualidade conserva parte dos seus tramos (pontes medievais de A Veiga e a do Marañao ou Ponterriza).

A Ponte de Veiga data dos séculos XIII-XIV, ainda que sofriu modificacións posteriores coa colocación dos petrís na parte superior.