O Concello de Avión acolle este venres a súa XVII Festa Mexicana, cunha ampla oferta de música tradicional, gastronómica e un especial protagonismo aos postres do país azteca

10, Agosto 2023

O Concello de Avión acolle este venres, 11 de agosto, a XVII edición da Festa Mexicana, un dos eventos festivos máis notables do municipio por ser, ademáis, unha festa homenaxe aos emigrantes en xeral e con especial protagonismo a México, principal país receptor da emigración procedente do municipio de Avión.

Na presentación deste evento, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense, participaron o alcalde de Avión, Antonio Montero Fernández; a responsable de organización da festa, Isabel Gabián Lorenzo; e Marcelo Quintas, do restaurante Rincón Azteca do Carballiño, un dos cinco establecementos que colaboran activamente na XVII Festa Mexicana do Concello de Avión.

Entre as novidades desta ano, a Festa Mexicana de Avión ensalzará de xeito especial os postres aztecas, e ofrecerá tamén unha ampliación de horario dos establecementos de restauración, entre as 17:00 e a 01:30 horas, onde se poderán degustar produtos gastronómicos mexicanos, como por exemplo as augas de sabores. Outra das grandes novidades desta edición será a disposición dunha superficie para aparcadoiro gratuíto, grazas á cesión da familia Fernández Merelles dunha finca para este fin, e que estará guiado por efectivos de Protección Civil.

Por último, a Festa Mexicana de Avión ofrecerá actividades gratuítas para os nenos e nenas a partires das 18:00 horas, así como sorteos de cestas de produtos mexicanos e o célebre xogo da “piñata”, elaboradas polos maiores do Centro Integral de Servizos Sociais “Alvetus” coa supervisión da psicóloga e directora do Centro da Muller do Concello de Avión, Yesica Moreno Valenzuela.