O concello de Beariz recaba da Deputación colaboración para a mellora da travesía de Doade, a construcción dun velorio municipal e o impulso do parque empresarial.

26, Marzo 2023

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para avaliar o estado das actuacións levadas a cabo pola Deputación na localidade e abordar novas liñas de colaboración entre as dúas administracións.

Manuel Baltar salientou que esta xuntanza “é un bo exemplo da dinámica de cooperación que mantemos desde a Deputación, traballando da man dos concellos en todos aqueles proxectos importantes que resultan na mellora do benestar dos veciños e, en definitiva, na dinamización da provincia”. Ademais, o presidente do goberno provincial sinalou que “a Deputación, como concello dos concellos, estará sempre ao seu carón para satisfacer as demandas e necesidades da veciñanza”.

Manuel Baltar avanzou a colaboración provincial no afirmado do vieiro principal do futuro Parque Empresarial de Lebozán, un proxecto co que tamén colabora a Xunta de Galicia. O presidente do goberno provincial tamén comprometeu o apoio da Deputación na construción do velorio municipal -un proxecto que o alcalde valora como “imprescindible para Beariz”- e no acondicionamento da travesía de Doade, con especial énfase na mellora dos aparcadoiros.

Pola súa banda, Manuel Prado valorou moi positivamente “a atención que recibimos sempre do goberno provincial, sendo o noso mellor aliado na realización de todas aquelas iniciativas estratéxicas para o Concello, e que sería imposible levalas a cabo sen a súa colaboración”.