O Concello de Maside organiza unhas xornadas micolóxicas

20, Outubro 2010

Entre o 5 e o 6 de novembro do presente ano e tras o éxito da primeira edición,  terá lugar no concello de Maside a II Fin de semana Micolóxica ¡Á busca dos cogomelos das Terras de Maside! Con esta novidosa iniciativa preténdese iniciar ós asistentes no mundo das setas e ensinarlles a distinguir as variedades que son comestibles das velenosas, para que, cos coñecementos oportunos, poidan aproveitar este produto tan abundante nos nosos montes e tan apreciado na cociña actual. Asemade, pretendese fomentar as relacións sociais, a cultura e o deporte ó aire libre.

 O programa, que será moi práctico e ameno, está dirixido a persoas de tódalas idades, que poderán gozar de dúas charlas impartidas polo experto en micoloxía, Juan José Martínez (Presidente da Asociación Micolóxica ourensana “Os Cogordos”), saída ó monte a recoller cogomelos guiada por expertos en micoloxía; análise e exposición dos exemplares máis comúns nas terras de Maside; talleres de mico-cociña (cociña con cogomelos); presentación da empresa emprendedora na comercialización de cogomelos MUIÑOS FUNGICULTURA, que realizará un taller práctico de conservación  de cogomelos e que nos presentará a súa novedosa liña de conservas de cogomelos e algas.

Para rematar farase a entrega de premios os ganadores do II Concurso de Debuxo sobre setas, no que participan os alumnos e alumnas de Ensinanza Infantil e Primaria de tódolos centros públicos de Maside.

 Ó longo das Xornadas haberá varios agasallos para tódolos asistentes e diferentes e interesantes sorteos como navallas seteras, guías sobre setas, etc.

 A inscrición ten un coste simbólico de 3 €.

O prazo de inscrición remata o 3 de  novembro e as canles para facela son:

- No e-mail: turismo@concellodemaside.es
- No teléfono: 988 28 06 06 (Ana Otero). En horario: De 8.00 - 14.30
- Directamente no Concello (Praza maior , 1 - 32570 – Maside).