O concello de Piñor promove "o movemento e unha alimentación san" con diversas actividades para a súa veciñanza

17, Outubro 2021

Unha charla informativa e interactiva, e actividades que promoven o movemento físico, son as propostas que fai o concello de Piñor para a súa veciñanza durante as próximas semanas.

O Día Mundial da Alimentación, celebrábase este ano 2021 baixo o lema“alimentos seguros agora para un futuro saudable”, unha frase que expresa con claridade o necesario que é que cambiemos a nosa forma de producir e consumir e comecemos a facelo dunha forma sostible e responsable, se queremos que haxa un futuro para as novas xeracións. Os países que forman a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) asumiron varios compromisos bastante ambiciosos coa finalidade de transformar a maneira na que se consumen os alimentos, facendo que os máis saudables resulten asequibles, informando claramente das desventaxas da comida “basura”, os azúcares, etc.

O día mundial da alimentación pretende ser un recordatorio do importante que é alimentarnos de forma correcta, mediante a inxesta dunha dieta sa e equilibrada. Como unha nutrición saudable é de suma importancia para a saúde, por este motivo, dende o Concello de Piñor organiza varias actividades durante as próximas semanas.

"Alimentación, movemento e saúde nas persoas de idade" ésta charla terá lugar o luns 18 de outubro ás 19:30 horas no Centro social (Albarona) e na que se destacará a importancia da nutrición e necesidades enerxéticas, cales son as características fundamentais dunha dieta saudable nas persoas de idade e a importancia do movemento para unha vida saudable.

Ademais, como o movemento é importante para unha vida saudable, tamén se vai iniciar Actividade física para maiores, que terá lugar un día á semana ó longo do mes de outubro e novembro en dous grupos; tódolos mércores de 19-20 h no Centro social da Albarona e de 20-21 h na antiga escola de Cotelas. Dende o Concello de Piñor informase ás persoas interesadas en participar de que deben inscribirse nos Servizos sociais do Concello de Piñor.