O concello do Carballiño homenaxea á “alma mater” de Protección Civil, Juan Míguez, pola súa contribución á Festa do Pulpo durante 40 anos.

5, Agosto 2024

Pola súa enorme contribución durante 40 anos á celebración da Festa do Pulpo como coordinador da agrupación de Protección Civil, O Carballiño rendeu homenaxe a Juan Míguez. Foi nun emotivo acto celebrado esta mañá na Casa Consistorial e no que estivo acompañado por decenas de veciños e veciñas e compañeiros dos equipos de emerxencias que quixeron mostrarlle o seu agarimo nun día tan especial.

O alcalde, Francisco Fumega, subliñou que Juan Míguez, “a alma mater” da Agrupación de Protección Civil do Carballiño “traballou con tesón por este pobo” e insistiu en que a Festa do Pulpo non sería posible sen o seu traballo na elaboración do Plan de Seguridade:“ El sempre estivo ahí, sempre disposto a axudar”. Por todo isto a agrupación de voluntarios do Carballiño serviu como modelo para toda Galicia. Fumega entregoulle unha placa gravada e a figura dunha pulpeira.

Juan Míguez veu nacer a agrupación de voluntarios nos anos oitenta, cando se uniu a outros mozos do Carballiño con vocación por axudar. Así o lembrou el mesmo na súa intervención: “No ano 1983 botamos a andar con algúns voluntarios e na festa do setembro fixemos o noso primeiro servizo”.

Míguez tamén explicou que “o motivo de integrarme foi o meu interese polos radioafeccionados e a súa labor no desastroso accidente dos Alfaques, xa que naquelas non había móbiles e foron eles os que coordinaron os servizos sanitarios para trasladar ás vítimas”. O homenaxeado agradeceu ao Concello este recoñecemento e fixo unha mención especial “aos seus centos de compañeiros que ao longo destes anos pasaron pola agrupación”.

José Oliver, xefe do servizo de Emerxencias de Ourense, explicou que “falar de Juan Míguez é falar de palabras maiores en Protección Civil, medalla de prata do mérito de Protección Civil, profesor da Academia Galega de Seguridade e un exemplo a seguir”. Tamén subliñou que “o operativo de seguridade da Festa do Pulpo sería inconcibible sen Juan Míguez”.

Nesta mesma liña, o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, asegurou que “a homenaxe que lle brindamos a Juan Míguez é máis que merecida”.