O Concello do Carballiño inviste case 130.000 euros en pasos de peóns, cámaras de video-vixilancia e semáforos

O Concello do Carballiño aposta pola mellora da seguridade vial e cidadá no casco urbano co investimento de preto de 130.000 euros para o pintado de pasos de peóns, a instalación de cámaras de video-vixilancia e tráfico e a renovación integral do grupo semafórico do cruce dos Catro Camiños, un dos puntos con maior tráfico da vila, por tratarse da Nacional 541 e o principal acceso ao centro da vila.
A primeira das intervencións, iniciada esta mesma semana, inclúe o pintado dun total de 84 pasos de peóns repartidos polo casco urbano da vila. A actuación, valorada en preto de 20.000 euros, comezou na avenida do Balneario e na rúa Martínez de Avellanosa. Os traballos estenderanse durante as próximas semanas para actuar no resto de rúas.
Evitar o vandalismo e o acceso a zonas de tráfico restrinxido
O goberno local ten en fase de licitación a instalación de tres cámaras de video-vixilancia e tres cámaras de tráfico para evitar actos vandálicos e o acceso de vehículos a zonas de tráfico restrinxido. Estarán na Veracruz, no Barrio de Flores e no parque infantil da Alameda. A intervención, orzamentada en preto de 37.000 euros, permitirá reforzar a seguridade da veciñanza e a identificación de quen comenta actos de vandalismo, pois esa será precisamente a misión das cámaras de televixilancia.
En canto ás cámaras de tráfico, gravarán e memorizarán as matrículas dos vehículos que accedan sen autorización ou fóra de horario a estas zonas restrinxidas, xerando as correspondentes multas e a súa incorporación ao sistema informático da Policía Local.
Os tres puntos (A Veracruz, o Barrio de Flores e o parque infantil da Alameda) son zonas nas que, de xeito recurrente, circulan ou estacionan vehículos sen autorización, o que afecta non só ao tráfico senón tamén á mobilidade peonil.
Cambio de grupo semafórico
Por último, o Concello do Carballiño tamén ten en proceso de licitación a substitución do actual grupo semafórico localizado no cruce dos Castro Camiños, na confluencia da N-541 coas rúas Catro Camiños e Curros Enríquez. O orzamento da licitación será de 75.000 euros e o obxectivo é mellorar a circulación na zona corrixindo os fallos e desaxustes dos actuais semáforos, o que en ocasións provoca retencións.