O Concello do Carballiño propón deporte ao aire libre para desfrutar do verán e coidar a saúde física e mental

A Concellería de Deportes do Carballiño impulsa unha nova edición do Verán Deportivo, que busca fomentar os hábitos de vida saudables entre a veciñanza.
“Estamos encantados de organizar esta actividade e animar a xente a facer deporte e desfrute dun momento divertido”, explica José Castro, tenente alcalde e concelleiro de Deportes.
A programación inclúe pilates, ioga, aquagim, baloncesto, fútbol e balonmán, e está dirixida a poboación de todas as idades. “Como sempre, as actividades son gratuítas”, apunta o edil. Como novidade, as clases de pilates e ioga levaranse a cabo no entorno verde do Gran Balneario. “Queremos darlle pulo a este espazo, pensamos que é un lugar excepcional para facer estes deportes”, asegura Castro, que anima á participación.
“Non é preciso ter unha gran mobilidade, é chegar alí e botarlle ganas, dar un paseo, confraternizar con outras persoas…”, sinala.
A Concellería prevé unha boa participación, na liña do pasado ano, en torno ás 40 persoas en cada cita. O aquagim, pola súa parte, realizarase na piscina municipal, como é habitual.
As actividades de baloncesto, fútbol e balonmán tamén volven á Pista Vermella. “É un momento de lecer, non é competitivo, o obxectivo é facer deporte ao aire libre”, resume o concelleiro de Deportes. O ano pasado, estas propostas chegaron a congregar a máis de 500 rapaces no entorno da Pista Vermella, o que da conta da boa resposta da veciñanza. “Estamos encantados coa alta participación, o ambiente que se crea é moi bo”, asegura Castro.
Rebeca Amil, de Korpore Gym, entidade colaboradora no Verán Deportivo, resalta a ampla experiencia e coñecemento dos monitores encargados de guiar as actividades de ioga, pilates e aquagim. “Queremos continuar este verán coa boa resposta da xente, intentando sempre dar o mellor posible para a poboación do Carballiño e dos arredores”, sinala.
As actividades arrancaron esta mesma semana e finalizarán o 14 de setembro.
A programación semanal inclúe:
-Luns: pilates, ás 20,30 horas no céspede do Gran Balneario.
-Martes e xoves: ioga, ás 20,30 horas no céspede do Gran Balneario.
-Venres: aquagym ás 12,00 horas na piscina municipal.
Ademais, haberá intensivos de diversos deportes, todos na pista vermella:
-Baloncesto: do 7 ao 11 de xullo
-Fútbol: do 14 ao 19 de xullo
-Balonmán: do 21 ao 25 de xullo
Para participar nos intensivos é preciso inscribirse (o prazo estará aberto ata o día anterior ao inicio da actividade). Pódese facer no Concello, tanto presencialmente como por teléfono.