O concello do Carballiño publica a convocatoria de axudas a empresas e autónomos do municipio afectados polo estado de alarma, que teñen 15 dias hábiles para presentar as solicitudes. Consulta aquí as bases.

25, Agosto 2020

A convocatoria co seu texto completo pode verse na Base de Datos Nacional de Subvencións (https://www.infosubvenciones.es/GE/esw/convocatoria/519094), e no Boletín Oficial da Provincia deste martes 25 de Agosto pubícase o extracto, que é o que reproducimos nesta información.

O extracto ten por obxecto regular a convocatoria para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a traballadores/as autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal e local comercial ou negocio afecto á actividade, radique no termo municipal do Carballiño, e este último permanecera pechado ao público ou detivese a súa actividade empresarial como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma provocado polo COVID-19, e cumpran os requisitos quese establecen nas bases reguladoras, sendo a finalidade última delas o fomento de emprego no termo municipal.

Obxectivos:

a) Paliar a incidencia que tivo a declaración do estado de alarma, acordada polo Goberno en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, prorrogado en sucesivas ocasións, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, en todo o territorio nacional e, en concreto, no termo municipal do Carballiño, e minimizar o seu impacto económico e no emprego. b) Preservar o tecido empresarial, obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais e, por tanto, afectadas polas prohibicións impostas pola declaración do estado de alarma. c) Protexer o interese xeral da veciñanza do Carballiño, dando soporte aos traballadores/as autónomos, ás microempresas e ás pequenas empresas tratando de manter todos os postos de traballo. d) Lograr que, unha vez finalizada a alarma sanitaria, se produza canto antes unha reactivación da economía do noso concello, actuando directamente sobre as persoas físicas e xurídicas máis afectadas, e tratar de evitar, na medida do posible, situacións de risco ou exclusión social derivadas do peche da actividade e) Impulsar a actividade económica no termo municipal do Carballiño, outorgándolles liquidez ás empresas do concello para contribuír a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais e o mantemento da actividade e o fomento de emprego, e amortecer, así mesmo, a redución drástica de ingresos. f) Promover e mellorar a participación no uso das TIC (tecnoloxías da información e as comunicacións) 

Persoas beneficiarias e requisitos.

Poderán solicitar a subvención as persoas físicas ou xurídicas, así como as comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica legalmente constituídas que leven a cabo as actividades empresariais que motivan a concesión das subvencións e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se trate dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que a actividade sexa desenvolvida por unha persoa física (traballador/a autónomo/a), unha microempresa, unha pequena empresa ou unha empresa de economía social. Terán a consideración de traballadores/as autónomos/as beneficiarios/as aqueles/as que tributen mediante o sistema de estimación obxectiva ou ben aqueles que, tributando en estimación directa, non superen un millón de euros de importe neto de cifra de negocio anual (casa 01 modelo 130 ou equivalente que acredita o importe anual). Para os efectos da presente convocatoria, terán a consideración de microempresas e pequenas empresas as que ocupen menos de quince traballadores/as e que non superen un millón de euros de importe neto de cifra de negocio (casa 00255 modelo 200 ou equivalente).

c) Que teña o seu domicilio fiscal no termo municipal do Carballiño.

d) Que se producise o peche total do establecemento ou que, ao ser cualificada como non esencial, se producise o cesamento total e absoluto da actividade, en aplicación do disposto no artigo 10 do RD 463/2020, do 14 de marzo, modificado polo RD 465/2020 do 17 de marzo.

e) Que o solicitante estea exento do Imposto de Actividades Económicas no exercicio fiscal de 2020, extremo que se comprobará a través do último padrón aprobado.

f) Que estea dado de alta no réxime da Seguridade Social ou na mutua profesional correspondente e na Axencia Estatal de Administración Tributaria no momento da presentación da solicitude.

g) Que non se atope incurso en ningunha das circunstancias previstas nos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e, en particular, estea ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Facenda Estatal (AEAT) e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) no momento da presentación da solicitude, e coa Atriga e o Concello do Carballiño. Establécese un límite máximo de subvención do 90% do total do gasto subvencionable, que non terá en conta o IVE. Os límites máximos de subvención por beneficiario serán de 1.000 euros.

Prazo de presentación das solicitudes.

As solicitudes para participar no presente procedemento deberán presentarse no prazo de quince días hábiles, a contar desde o día hábil seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense do extracto da convocatoria remitido pola Base de Datos Nacional de Subvencións. Da devandita publicación darase información no portal de internet do Concello do Carballiño.