" O concello do Carballiño reduce á metade os recursos destinados á promoción do comercio local para financiar un libro", censuran dende Espazo Común.

7, Xaneiro 2020

"Suma e segue na desvariada deriva do goberno carballiñés á hora de establecer prioridades no tocante á distribución dos cartos públicos, o cal tamén é, evidentemente, significativo con respecto a cales son as realidades sociais e os sectores que lles importan", afirman dende o grupo municipal de Espazo Común no concello do Carballiño.

E engaden "se hai ben pouco denunciábamos a insensatez de quitar cartos das políticas de apoio ao emprego ou ao emprendemento para adicalos a festas e soldos de concelleiros, atopámonos agora cunha nova modificación de crédito que volta a espir a un alcalde e a un equipo moi afeitos a dicir unha cousa e facer a contraria".

E mesmo ironizan nas súas críticas ao goberno municipal do alcalde Fumega facendo referencia á mensaxe dos reios magos dende o balcón do concello na cabalgata deste pasado domingo "merecen todo o noso apoio as mensaxes de apoio ao comercio local proferidas desde o balcón do consistorio na visita dos Reis Magos, o problema é que son moito máis cribles as súas maxestades de Oriente que os discursos dun goberno que xa nos ten afeitos a disfrazar a realidade e manipular vontades para facer crer o que non é".

Lamentan dende Espazo Común que sexan discursos cara a galería "así mentres se lle pide aos cidadáns apoio ao comercio de proximidade, algo ao que nos adherimos, máis da metade dos recursos destiñados a apoiar a este sector no orzamento do ano 2019 foron retirados para sufragar os gastos do libro “Macrofesta no Carballiño”. Vaia por diante que non criticamos en absoluto a realización desta obra dos Bolechas pero sí de onde se quitaron os recursos para o seu financiamento. Estamos seguros de que había outras posibilidades".

Según os datos de Espazo Común "dos 13.376 € previstos para invertir en campañas promocionais ou iniciativas de dinamización, tan só 6.200 € se empregaron para este fin. En tanto, tristemente, son moitos os comercios que pechan as súas portas despois de anos de traxectoria dando vida ás nosas rúas".

Finalmente, dende este grupo municipal de ESCO lamentan que "namentres o Concello repartiu arredor de 300.000 € en subvencións durante o exercizo 2019, percibindo, por exemplo, algún clube deportivo 85.000 € de xeito directo, o sector do comercio, sustento de moitas familias, recibiu unha rídicula aportación de só 6.200 €, se a comparamos co resto de colectivos e viu como máis da metade do que tiña previsto foi suprimido por causa das incomprensibles prioridades dos que desgobernan O Carballiño", remarcan.