O Concello do Carballiño renova o mobiliario urbano con novos bancos na Praza Maior e 40 papeleiras

O Concello do Carballiño vén de iniciar a renovación de mobiliario urbano coa substitución dos bancos da Praza Maior e a instalación de 40 novas papeleiras en diferentes ubicacións da vila. A intervención, realizada desde a Concellería de Política de Benestar Comunitario no marco do plan CooperOU, mellora a comodidade do espazo público e favorece a limpeza das rúas.
A concelleira, Rosa Fuentes, destaca a importancia da actuación, que supuxo un custe de preto de 12.000 euros. Nestes días de tanta actividade, veciños e visitantes puideron desfrutar xa dos novos bancos, cuxo deseño ergonómico está pensado para favorecer o repouso.
A actuación de substitución dos bancos foi adxudicada á empresa Mobipark. Pola súa banda, a colocación das 40 papeleiras repártese entre a empresa adxudicataria de limpeza viaria, FCC, e a propia concellería.