O concello "ensaia" cámbeos no tráfico nas rúas Evarito Vaamonde e Otero Pedraio, que pasarían a ser de sentido único para a circulación

9, Maio 2018

O concello do Carballiño comezará mañá o ensaio do cambio do tráfico a sentido único das rúas Evaristo Vaamonde e Ramón Otero Pedrayo, así como da rúa Vicente Risco.

Esta iniciativa levarase a cabo a partir das 9 da mañá deste xoves, 10 de maio, e contará coa sinalización correspondente e o control da Policía Local.

Está previsto manter o operativo ata o luns, co obxectivo de poder realizar unha valoración exhaustiva dos pros e contras destas medidas en aras a favorecer a seguridade dos peóns, a fluidez do tráfico e o incremento das prazas de aparcamento.

O sentido da rúa Evaristo Vaamonde será de entrada pola Avenida 25 de Xullo e saída por Conde Vallellano. Mentres que o sentido da rúa Otero Pedrayo será de entrada por Conde Vallellano e saída pola nacional 25 de Xullo. Así mesmo, a rúa Vicente Risco será de entrada pola estrada de Ourense e saída pola nacional 25 de Xullo.

Con estes cambios, todas as rúas transversais da Avenida 25 de Xullo terán sentido único, ofrecendo unha alternancia de entrada e saída, o que redundará nunha menor conflictividade de posibles accidentes, ademáis de incrementar o número de aparcamentos.