O concello estuda rebaixar o coeficiente municipal do IBI para atenuar os efectos do "catastrazo"

10, Xaneiro 2018

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, ven de encargar aos servizos técnicos do concello un estudio sobre a viabilidade dunha rebaixa do coeficiente que se aplica no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para os próximos exercicios, así como a aplicación dalgún tipo de bonificación, ademáis das legalmente establecidas, polos atrasos.

Pese a que o concello do Carballiño aplica un coeficiente baixo do IBI, pois é do 0,6 cando o tramo establecido oscila entre o 0,4 e o 1,10, a recente actualización catastral decretada polo Goberno central provocou a regularización de moitas vivendas que levaban anos sen contribuir, o que supón un incremento da recadación municipal por este concepto, e de aí que dende a alcaldía se encargase este estudio co obxectivo de valorar unha posible rebaixa do IBI, así como algunha bonificación polos atrasos.

Para este pagamento pode solicitarse un plan de pago, de maneira que en vez de efectualo dunha soa vez, se faga por mensualidades ao longo do ano. A última revisión catastral realizouse no ano 1990, polo que O Carballiño atópase entre os 1.296 municipios españoles nos que se produciu un incremento do valor catastral.

Destes 1.296 municipios, aqueles que revisaron por última vez o catastro antes do 2004 verán incrementada a valoración das vivendas, cun coeficiente que varía entre o 1,08 para os anteriores a 1991 e do 1,03 para os que o fixeron entre 2001 e 2003.

Esta actualización non implica que varíe o tipo do imposto, xa que é de carácter municipal e o fixa cada concello-, pero sí o fai a valoración do inmoble, que é a base imponible sobre a que se aplica.