O concello fai público o balance económico da organización da "Festa do Pulpo", que tivo unha aportación municipal de 23.000 euros

28, Novembro 2016

A última edición da Festa do Pulpo costoulle ao concello menos cartos que a edición do pasado ano. O principal motivo desta minoración da aportación municipal debeuse, principalmente "ao aforro nos gastos, e eso que a programación cultural e festiva prolongouse durante 15 días, e se realizaron presentacións e promocións da festa en catro cidades (tres en Portugal: Braga, Viana do Castelo e Vilanova de Gaia; e unha en Galicia: Pontevedra), manifestan dende o concello carballiñés.

Unha vez rematada a liquidación de gastos e ingresos, o aporte das arcas municipais foi de 23.000 euros, uns 10.000 euros menos que na edición da Festa do Pulpo do 2015, según o balance feito público dende a institución municipal.

Os ingresos, xerados por subvencións, patrocinios, postos de feira e hostalería, e venda de entradas para o xantar do recinto, foron de algo máis de 81.000 euros. E os gastos supuxeron algo máis de 104.000 euros. Neste capítulo as partidas de maior cuantía correspóndense co servizo do xantar no recinto oficial, que foi de 41.000 euros, e en segundo lugar cos concertos e a animación musical dos quince días, que supuxeron un custe duns 27.000 euros. A terceira partida de gastos en importancia foi a relativa ao concurso de camisetas das peñas, con case 6.000 euros. Na edición do 2015 os gastos totais da Festa do Pulpo foran duns 124.000 euros.

Malia á reducción do gasto xeral e da aportación do concello, a LIV Festa do Pulpo "foi unha das de maior participación popular, e non só durante o propio día da Festa, o domingo 14 de agosto, no que se batiron récords de afluencia e consumo de pulpo, senón durante os 15 días que duraron os festexos culturais, deportivos, lúdicos e gastronómicos",subliñan dende o concello carballiñés.

Agora o concello céntrase na organización da Festa do Pulpo do próximo ano, marcándose como obxectivo "a procura da consecución da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional". Así, estanse avaliando varias opcións para a dedicatoria da LV Festa do Pulpo, que se dará a coñecer a finais deste ano ou comezos do próximo.