O concello fixa para o próximo mes de Febreiro o inicio das obras de mellora na rede viaria urbana

22, Xaneiro 2019

Coa sinatura estos días dos correspondentes contratos coas empresas adxudicatarias, o concello resolveu os procedementos administrativos para a execución das obras de reforma das rúas Cuba, Brasil, Uruguay, Venezuela e República Arxentina, así como das rúas Alberto Vilanova, Aller Ulloa, Tellado, tramo da estrada a Treboedo e Carreira.

Estas obras, que comezarán a executarse no mes de febreiro, e que están incluidas no acordo subscrito polo Grupo Popular e o Grupo de Goberno na aprobación do orzamento municipal do 2018, suporán un investimento global de 385.739, 21 euros, que será financiado con fondos municipais.

Esta cantidade supón un aforro de 170.485,69 euros, con respecto ao presuposto de licitación, que era de 556.224,9 euros.
A reforma das rúas Cuba, Brasil, Uruguay, Venezuela e República Arxentina, que comunican a avenida Xullo R. Soto coa avenida do Balneario, conleva a substitución e mellora da rede de abastecemento, beirarrúas e asfaltado. Estas obras foron adxudicadas en 270.057,95 euros.

No relativo ás rúas Alberto Vilanova, que é a rúa do centro de saúde, Delegación de Facenda e Instituto nº 1, así como ás rúas Aller Ulloa, Tellado, tramo da estrada a Treboedo e Carreira, as obras de reforma consistirán na substitución e mellora da rede de abastecemento e asfaltado. A adxudicación realizouse en 115.681,26 euros.

Así mesmo, está previsto adxudicar con carácter inmediato as obras da continuación da beirarrúa na avenida do Parque cara ao Instituto Chamoso Lamas, do aceso ao instituto, campo da festa e vial á igrexa da parroquia de Mesego.