O concello insta á Xunta a mellorar os servizos de transporte público
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico, Joaquín Macho, mantivo unha reunión de traballo co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e representantes dos distintos grupos políticos municipais, na que lles trasladou que a ordenación do transporte público que se porá en marcha o vindeiro ano beneficiará á mobilidade dos veciños desta comarca.
Vázquez Mourelle agradeceu a implicación e colaboración dos representantes deste municipio para levar a cabo as accións necesarias para optimizar os servizos de transporte na zona, o que suporá o incremento da calidade de vida dos cidadáns.
A titular de Infraestruturas lembrou que o Goberno galego xa iniciou os estudos que definirán o novo mapa de transporte que se comezará a implantar en agosto de 2017, onde unha das zonas obxecto destas avaliacións é a do Carballiño.
Precisou que para mellorar a cobertura no rural serán fundamentais os servizos baixo demanda, coa fin de levar o transporte a onde faga falta e á hora que faga falta mediante unha reserva feita con anterioridade.
Para todos estes supostos empregaranse diferentes tipos de vehículos, aproveitando o máis adecuado en cada caso (autocar, microbús, taxi, transporte escolar...). Con esta reorganización do transporte público na comarca optimizaranse os servizos entre os concellos e os distintos núcleos dos mesmos, pero tamén os desprazamentos a cidades como Ourense ou Santiago.
Ethel Vázquez tamén lle indicou aos citados representantes municipais que no caso de que exista algún incumprimento dos servizos por parte das concesionarias, deben trasladarlle este feito á Xunta para que proceda á correspondente inspección e sanción, se se considera oportuno.
A conselleira manifestou o seu compromiso a avaliar as posibles modificacións nos horarios das liñas de autobús coa fin de facilitar a súa coordinación coas frecuencias de ferrocarril.
Vázquez tamén se comprometeu a analizar as distintas opcións que se poden acometer para conectar as estacións de tren e autobús, potenciando así unha intermodalidade que ampliaría as posibilidades dos veciños á hora de realizar os seus desprazamentos.