O Concello lanza “O Carballiño Contigo”, a campaña de compras de Nadal con 1.000 bonos regalo de 20 euros

15, Decembro 2025

A Área de Comercio e Emprego do Concello do Carballiño lanza O Carballiño Contigo, unha campaña para fomentar as compras de Nadal no comercio local a través de 1.000 bonos de 20 euros para a veciñanza. “Queremos que os cartos das compras de Nadal queden no Carballiño e no noso comercio local”, asegurou José Castro, alcalde en funcións, esta mañá na presentación da campaña.

A iniciativa, que conta cunha inversión municipal de 20.000 euros, pretende revitalizar o comercio local durante estas semanas de compras de Nadal. “Queremos darlle a importancia que ten ao noso comercio, que forma un tecido económico e social moi importante para a nosa vila, fortalece a nosa comunidade, crea emprego e dá vida aos barrios”, resaltou Diana González, concelleira de Comercio.

Os establecementos interesados (calquera do Carballiño, estea asociado ou non ao Centro Comercial Aberto) poden adherirse á campaña desde hoxe ata este mércores, día 17. “Convidamos a aqueles comerciantes que teñan dúbidas a achegarse mañá, a partir das 20.30 horas, ao Concello para axudalos no que sexa necesario”, apuntou González. A partir do xoves, día 18, a veciñanza poderá descargar os seus bonos desde as 9.00 horas a través da páxina web carballinocontigo.com

Cada bono supón un desconto de 20 euros en compras de 50 euros, o que supón un importante revulsivo para animar á poboación a achegarse ao comercio local para os seus agasallos de Nadal. Resumindo, cada bono, que terá un custo de 30 euros para as personas que os descarguen, permitirá unha compra de 50 euros trocándoo nos propios establecementos.

Noelia Mares, xerente do CCA Carballiño, entidade colaboradora na campaña, agradeceu a iniciativa municipal porque “este tipo de campañas repercute no comercio e nos clientes”, pois “impulsa as compras, permite un maior poder de compra, fortalece a fidelización, o tecido comercial e a relación do pequeno comercio coa clientela, proporcionando unha experiencia de compra máis satisfactoria ao poder mercar o que cada un quere cun desconto adicional de 20 euros”.

O procedemento para acceder aos bonos é ben sinxelo e será presntado este martes 16, ás 20.30h no propio Concello, aos comerciantes. Nicolás González, da empresa Elitek_Soluctions, que o acceso á bono se realiza a través da web carballinocontigo.com , onde se abonan 30 euros e se basculan 50 a un monedeiro virtual, sen ningún tipo de rexistro, contrasinal nin correo electrónico. O cliente recibirá a continuación un sms no seu teléfono móbil cunha ligazón de xestión do cupón.