O Concello presenta o proxecto de mellora da Biblioteca Municipal, ao que se destinan 200.000 euros

4, Abril 2018

O proxecto de reforma da Biblioteca Pública Municipal, que ascenderá a preto de 200.000 euros, contará cunha subvención da consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia de 70.000 euros. Así o confirmou esta mañá o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, durante a presentación do mesmo.

Este proxecto consistirá na mellora do sistema enerxético, asi como na reestruturación e modernización dos diferentes espazos e seccións. Executarase en diversas fases, compaxinando as obras coa prestación do servizo, mentres non supoña inseguridade ou un ruído excesivo para os usuarios da biblioteca.

Neste intre realízase polo Obradoiro de Emprego a reforma dos servizos situados na pranta baixa, pero ao seu remate acometerase a reforma desta pranta baixa para ubicar unha sala de estudo independente dos demáis servizos da biblioteca.

Según asegurou o concelleiro, o proxecto tardará un ano en executarse na súa totalidade, e mentras intentarase manter aberto o servizo na medida do posible.

O concelleiro tamén dixo que a nova relación de postos de traballo do concello contempla a praza de bibliotecario/a, polo que quedarían subsanados os problemas de falla de persoal que se levan arrastrando dende hai anos.

Diego Fernández incidiu en que o proxecto de reforma da biblioteca está redactado dende hai un ano, pero que debido ao seu elevado custo estábase á espera da confirmación da axuda da Xunta, polo que agradecía ao conselleiro de Educación e Cultura a concesión dunha subvención de 70.000 euros. 

Neste senso, relatou as xestións levadas a cabo co conselleiro e agradeceu que tivese en conta a demanda do concello e a viabilidade do proxecto de reforma.