O concello presenta a reedición do "Cantigueiro do Orcellón" e a programación das Letras Galegas

12, Abril 2016

A concellería de Educación e Cultura ten programadas para os meses de abril e maio dezaoito actividades dirixidas a conmemorar as Letras Galegas e ao poeta Manuel María, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Lecturas de poemas, un concerto, un musical infantil, un mural, teatro, cine, marcapáxinas, unha exposición, un recorrido polo roteiro das cantigas de Manuel María e, sobre todo, a reedición do Cantigueiro de Orcellón completan esta programación extraordinaria que se desenvolverá ata finais do mes de maio no Carballiño.

O concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, destacou durante a presentación deste programa, o esforzo realizado para ofrecer un amplo abano de posibilidades co que lembrar a figura e a obra de Manuel María, especialmente, a vencellada co Carballiño, así como para ensalzar ao noso idioma e á cultura galega.

De feito, máis da metade destes actos teñen como protagonista ao poeta da Terra Chá, autor do Cantigueiro de Orcellón, cuxa reedición, encargada polo concello, será presentada este venres, 15 de abril, na Casa da Cultura, nun acto que estará presidido polo alcalde, Francisco Fumega; Felipe Senén, autor dos debuxos do libro e amigo persoal de Manuel María, así como pola viúva do poeta, Saleta Goy. Neste acto, que comezará ás 20,30 h., proxectaranse imaxes inéditas de Manuel María e, ao remate, o grupo “Anda Soa” interpretará un dos seus poemas.

É un dos actos destacados da celebración das Letras Galegas, que terá continuidade cunha audición de poemas o Día Internacional do Libro, o 23 de abril. Cun concerto de Magín e Uxía: Canta o cuco, o 1 de maio; coa pintura dun mural nunha parede céntrica da vila, o 7 de maio; coa reposición das placas do roteiro do Cantigueiro; coa edición dun marcapáxinas, o 13 de maio, e, finalmente, co recorrido polo roteiro o día 17 de maio.

Esta programación compleméntase con outras actividades que están desenvolvendo entidades como a Agrupación Cultural Avantar, o Casino do Carballiño e Turuleque Teatro, entre outras, tamén para conmemorar a Manuel María e ao Cantigueiro de Orcellón, e que contan coa colaboración do concello.

Asemade, o idioma e a cultura galega serán tamén protagonistas do resto da programaciópn prevista para abril e maio, con catro proxeccións de cine, un monólogo, un musical infantil, e dúas representacións de teatro, entre elas, a obra máis galardoada nos recentes Premios María Casares, O Principio de Arquímedes, do teatro do Atlántico.