O concello presenta unha campaña de sensiblización para mellorar a recollida do lixo, coa que colabora o CCA

29, Abril 2016

A concellería de Medio Ambiente inicia unha campaña de información e sensibilización para mellorar a recollida selectiva do lixo e a limpeza da vila. Nesta campaña colabora o centro comercial aberto, co obxecto de implicar ao sector dos servizos, que representa o 60% do movemento económico do Carballiño.

A concelleira de Medio Ambiente, Erika Paz, o presidente do centro comercial aberto, Julián Garriga, e a xerente desta entidade, Noelia Mares, presentaron hoxe esta campaña, que vai acompañada de abundante material de información que será distribuído a través dos establecementos comerciais e hostaleiros e por outras canles, como os lugares públicos, de forma que poida chegar a todos os veciños e veciñas.

Asemade, realizaranse accións dirixidas aos centros educativos, co fin de concienciar aos máis pequenos e á mocidade da necesidade de reducir, reciclar e reutilizar os residuos, facendo un bo uso das normas de recollida do lixo.

Concretamente, nesta campaña figuran tres carteis con información sobre o punto limpo, o uso correcto dos contenedores e as boas prácticas cívicas na rúa e nos lugares públicos. Asemade, elaborouse un folleto de man con todas estas recomendacións e información útil para conseguir mellorar a recollida selectiva do lixo e a limpeza e boa imaxe da vila e do municipio.

A campaña, que se pon en marcha baixo o lema de “Por un Carballiño sostible”, persigue, sobre todo, a colaboración veciñal pero tamén a dos establecementos comerciais e hostaleiros, xa que xeneran unha boa parte do carton e vidrio que se verte nos contenedores, e son, precisamente, o tipo de residuos que permiten unha mellor reciclaxe, asegurou a concelleira de Media Ambiente.

Erika Paz dixo que case o 90% do lixo xenerado no Carballiño é o común que vai nos contenedores verdes, mentres que o 7% é cartón e papel, o 4% vidrio e só o 1% envases dos contenedores amarelos. Este último é o tipo de residuo que contén máis impropios, e, precisamente, o 11% do papel-cartón e vidrio son os que permiten unha mellor selección e reciclaxe, e que deberían supoñer unha porcentaje maior.

Pola súa parte, Julián Garriga dixo que o centro comercial aberto íase implicar ao cen por cen nesta iniciativa, que considerou magnífica, para lograr a participación dos máis de cen establecementos asociados, que poden contribuir de xeito efectivo a mellorar o uso dos contenedores e a propia imaxe da vila.

A campaña desenvolverase en tres fases para diferenciar cada unha das accións que se poñen en marcha: uso correcto dos contenedores, puntoi limpo e boas prácticas na rúa.