O concello promove un programa de reinserción laboral, do que se beneficiarán 60 persoas

24, Febreiro 2016

O concello do Carballiño porá en marcha, a partir do próximo mes de marzo, un programa de reinserción laboral para 60 persoas desocupadas, coa finalidade de que poidan acceder ao remate do mesmo a un posto de traballo.

Esta iniciativa, promovida pola concellalía de Promoción Económica, que dirixe Adolfo Nogueira, fíxase o obxectivo de conseguir, alo menos, a colocación da metade das persoas que participen neste programa, concretamente, o 45% (entre 25 e 30 persoas). Non obstante, espérase que acaben atopando colocación a maioría das persoas inscritas.

Este programa integral de emprego, que se presenta baixo a denominación de “Carbaemprega”, vai dirixido, fundamentalmente, ao colectivo de persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

Unha das características de Carbaemprega é, precisamente, proporcionar unha  formación cualificada para poder obter un emprego de calidade.

De aí que o programa contemple accións específicas en técnicas de coaching, intelixencia emocional e de motivación para a busca de emprego, así como no uso das novas tecnoloxías e, por suposto, na adquisición de habilidades prácticas naqueles sectores con implantación no tecido industrial do Carballiño.

De feito, unha das finalidades da concellalía de Promoción Económica, é exercer a intermediación entre empresas que precisan cubrir necesidades de persoal e as persoas traballadoras desempregadas. E este mesmo obxectivo se fixa para este programa.

Por iso, nalgúns cursos previstos se prestará unha atención especial  aos contidos de carácter práctico e de corte industrial destinados á adquisición de competencias específicas e necesarias para o empeño profesional en empresas da zona.

Se temos en conta que o tecido empresarial do Carballiño está caracterizado por empresas de actividades relacionadas coa soldadura e calderería, estes cursos estarán orientados a dotar de coñecementos, destrezas e habilidades técnicas relacionadas coa soldadura e calderería dende unha perspectiva da construcción, fabricación e montaxe de estruturas metálicas. Pero tamén se inferirá no coñecemento e respecto das normas de prevención de riscos laborais no entorno laboral.

Sen embargo, outros aspectos do programa se centran en incrementar a capacidade emprendedora dos participantes, tanto para poder traballar por conta allea como por conta propia.

Para a posta en marcha deste programa, o concello do Carballiño conta cun equipo de profesionais formado por tres orientadoras laborais e dous técnicos de emprego, así como coas instalacións adecuadas para impartir os cursos e as accións contempladas, como unha aula de informática, aulas para impartir clases e para desenvolver obradoiros.

 O programa, que terá unha duración dun ano, dende marzo deste2016 amarzo do 2017, xa se remitiu á consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, dentro das bases  dunha convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os naos 2016 e 2017.