O congreso do Partido Popular en Maside elixe a Juan Manuel Álvarez como novo presidente local

21, Novembro 2014

O bar-tapería “O Papón” de Maside acolleu esta tarde o Congreso Local do PP nesta localidade. A única candidatura presentada foi a que lidera Juan Manuel Álvarez González, que acadou o apoio do 100% dos votos emitidos polos compromisarios participantes na elección.

Tras coñecerse o escrutinio, o presidente local electo agradeceu expresamente o unánime apoio recibido á súa candidatura, facendo unha sentida lembranza do seu antecesor, Casimiro Campo Fernández, falecido o 1 de decembro de 2012. Juan Manuel Álvarez González sinalou que o novo equipo da Xunta Local que el lidera “busca unha profunda rexeneración, con ilusión e unha nova estrutura organizativa. O PP ten que ser o artífice do profundo cambio que Maside necesita”. Sobre este “cambio”, o presidente local fixo referencia expresa á necesidade de “fixar poboación, empresas e emprendedores no municipio, con infraestruturas necesarias que redunden no pobo, algo que se perdeu nestes últimos sete anos de goberno socialista”.

Tralo discurso do presidente local, tomou a palabra o presidente provincial do PPOU, encargado de clausurar o Congreso Local de Maside. Manuel Baltar afirmou que “as políticas municipais deben fundamentarse na cooperación entre administracións, co obxectivo irrenunciable de mellorar a calidade de vida dos veciños de Maside”.