O conselleiro Rey Varela e o alcalde Valladares repasan as necesidades do municipio en política social

26, Agosto 2016

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asegurou esta mañá que “o diálogo, a colaboración e a coordinación entre administracións é o mellor xeito de garantir unhas políticas sociais que verdadeiramente redunden na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas”.

Rey Varela realizou estas declaracións logo de manter unha xuntanza en San Caetano co alcalde do municipio de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares Fernández.

Esta reunión enmárcase na rolda de contactos cos rexedores e rexedoras de Galicia que está a manter o responsable da carteira autonómica de Política Social coa finalidade de coñecer de primeira man a situación e as necesidades que teñen neste ámbito os concellos galegos.

Nesta liña, o dirixente autonómico e o local fixeron un repaso dos principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver na localidade.

Así mesmo, Rey Varela e José Luís Valladares tamén abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade en San Cristovo de Cea.