O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para executar o acceso ao parque empresarial de Beariz, cun investimento autonómico de más de 390.000 euros

18, Febreiro 2021

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de acceso ao parque empresarial de Lebozán, en Beariz, desde a estrada OU-212. O orzamento estimado polo Goberno galego para este proxecto supera os 390.000 euros, en que se inclúen o pagamento das expropiacións dos 6 predios necesarios para executar esta actuación. As obras teñen como obxectivo darlle operatividade ao futuro parque empresarial de Lebozán.

Esta conexión vén concretar a proposta prevista no Plan especial de creación de solo industrial neste concello da comarca do Carballiño, desenvolvendo a solución prevista no informe de sustentabilidade ambiental do citado plan especial A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras na primavera. As obras teñen un prazo de execución de 4 meses. A actuación proxectada prevé a execución dun novo acceso desde a estrada OU‐212 entre os puntos quilométricos 1+542 e 1+771 na súa marxe esquerda.

A solución desenvolvida polo departamento de Infraestruturas da Xunta é a resultante da realización previa dunha análise de 6 alternativas desde o punto de vista da súa xeometría, funcionalidade e seguridade viaria. Para iso, proxéctase unha intersección que permite todos os movementos con cuñas de aceleración e deceleración de 30 metros de lonxitude, así como un carril central de espera para os xiros desde a estrada OU‐212 cara ao futuro parque empresarial.

O deseño adáptase ás particularidades da contorna aproveitando as estruturas existentes sobre un regato afluente do rego de Ponte da Pedra e respectando os parámetros indicados na normativa. Na actuación prevese unha canalización baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación viaria do parque empresarial.