O CSIF reitera a súa preocupación pola falta de protocolos no concello "o que pode supor un grave risco para a saúde"

29, Maio 2020

A reapertura de instalacións públicas anunciadas para a próxima semana, como as pistas polideportivas, leva ao CSIF a manifestar a súa inquietude, xa que para o sindicato non hai constancia de protocolos que garanten a seguridade para o seu uso.

"Como sindicato con representación no Concello do Carballiño, temos que manifestar a nosa sorpresa e a fonda preocupación por este anuncio, xa que se vai a proceder a apertura das mesmas, dende o 1 de xuño, e non temos constancia dos protocolos que se van a aplicar nas ditas pistas polideportivas, tanto para os usuarios como para o persoal que se encarga desas instalacións, o cal pode supor un grave risco para a saude", subliñan.

Afirma que o CSIF xa lle solicitou, por escrito ao Concello do Carballiño, con data 30 de abril de 2020, unha reunión telemática para a elaboración de protocolos para as fases de “desescalada”.

O día 22 de maio CSIF, informa o sindicato, reiterou a necesidade urxente da elaboración de diversos protocolos específicos para os diversos centros e instalacións que previsiblemente, o pasado luns día 25, xa podían abrir ao ser posible o pase a fase 2.

O CSIF, quere por de manifesto e reiterar, "que a data de hoxe non se nos deu traslado de protocolo algún, nin xeral nin específico, o cal pon en serio risco a saude tanto do persoal do Concello do Carballiño coma dos usuarios das diversas instalacións do mesmo, así como o grave incumprimento das diversas normativas legais".