O deportista local Lucas Egas Villanueva, campión mundial de "Espada Coreana", recibe unha homenaxe no concello

13, Setembro 2017

O deportista Lucas Egas Villanueva, recente campión do mundo da modalidade técnica de arte marcial haidong gumdo “espada coreana”, recibiu a homenaxe do concello do Carballiño.

O acto contou coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, Manolo Dacal, e a concelleira do BNG Sofía García, ademáis de familiares, amigos e compañeiros do ximnasio Olimpia, onde entrena o deportista.

Francisco Fumega felicitou, en nome da corporación, a Lucas Egas pola consecución deste campionato mundial, e amosou o seu orgullo por contar entre a veciñanza do Carballiño cun deportista na élite mundial. “Os seus éxitos a nivel nacional e internacional supoñen un prestixio para O Carballiño e, sobre todo, son un exemplo para a mocidade”, dixo o alcalde. “Estamos orgullosos de contar cun deportista na élite mundial, e por iso queremos recoñecer os seus méritos e o esforzo que representa competir cos mellores deportistas de España, de Europa e do Mundo”, engadiu. Fumega destacou o esforzo persoal que representa competir a este nivel, e tamén se referiu aos entrenadores, á familia e aos compañeiros do deportista homenaxeado, recoñecendo a súa parte de mérito e sacrificio correspondente.

Manolo Dacal lembrou que “na última Gala do Deporte xa se premiara a Lucas Egas como o Mellor Deportista, quizás como unha premonición da conquista un mes despois do campionato do mundo”, e asegurou que a concellería de Deportes seguiría axudando ao deporte base e aos deportistas destacados, como Lucas Egas, en todo o que se poidese.

Pola súa parte, Lucas Egas, que acudiu ao acto coas dúas medallas e o trofeo conseguido en Corea, agradeceu o recoñecemento e o esforzo e sacrificio da súa familia, que dende pequeno o levou ao ximnasio para practicar este deporte. Explicou que, ademáis do campionato na modalidade técnica de haidong gomdo, tamén acadou o terceiro posto noutra modalidade, e que o 19 de novembro próximo ía participar no campionato de España.

Para finalizar o acto, o alcalde fixo entrega dunha placa do concello en recoñecemento do seu mérito.