O Diario Oficial de Galicia publica o Plan de Conservación do ENIL Puzo do Lago

11, Febreiro 2014

O DOG publica hoxe o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local do Puzo do Lago, no Concello de Maside, que se converte no primeiro declarado definitivamente na provincia de Ourense e no terceiro en Galicia.

O interese natural do ENIL Puzo do Lago radica na súa diversidade vexetal con especies autóctonas que xunto ao resto de fauna, flora e patrimonio arqueolóxico entre outros aspectos, configuran un conxunto paisaxístico de 30,60 hectáreas merecedor dunha protección especial que o ampare e o conserve, ademais de rexenerar os valores degradados pola actividade humana.

Entre os valores naturais deste espazo destacan unha lagoa artificial que representa un importante ecosistema de humidal conservador; a presenza da vexetación máis característica de Galicia, a carballeira atlántica; é un área que presenta un alto valor arqueolóxico, ao albergar un exemplo de explotación mineira da época romana.

Tendo en conta todos os valores naturais, culturais, estéticos e científicos do lugar, o Goberno autonómico aproba este documento co fin de establecer un modelo de xestión que alcance os obxectivos de conservación e faga compatibles os usos tradicionais e públicos. Deste xeito, a través de directrices axeitadas se regularán e harmonizarán as competencias que realice a Administración, o uso privado, así como as distintas actividades que se desenvolvan dentro deste espazo natural.

As determinacións do presente Plan de Conservación entrarán en vigor o día seguinte da súa publicación no DOG, e continuarán en vigor ata que non se revise o Plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, a falta de modificacións excepcionais, deberá revisarse pasados 5 anos.

A figura do ENIL
A Lei de Conservación da Natureza (Lei 9/2001, de 21 de agosto) define os espazos naturais protexidos como aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debido á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

O Espazo Natural de Interese Local (ENIL) é unha das categorías nas que se clasifican estes espazos naturais protexidos. A súa declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mentres que a xestión é responsabilidade municipal.