O do BNG, primeiro mitin desta campaña electoral no Carballiño

10, Outubro 2012

Tereixa Paz e a carballiñesa Áurea Francisco protagonizaron o mitin do BNG celebrado no salón de actos do concello do Carballiño, que completou o seu aforo.

A concelleira da corporación  do Carballiño confesou a "soedade" que vive na vida municipal "cando teño que defender O Carballiño dos ataques que sufre continuamente por parte dos gobernos do Partido Popular". Áurea Francisco referíuse aos 9 concelleiros carballiñeses do PP como "soldadiños de plomo de eses capataces do capital, que moven as políticas do Partido Popular".

Tereixa Paz, nº 1 na candidatura do BNG por Ourense solicitou o voto propoñendo "autogoberno para conquistar a soberania, crear emprego apostando por desenvolver todo o potencial económico de Galiza, e fomentando unha economía productiva e impulsando o papel da iniciativa pública para promover unha política industrial". A candidata do BNG foi moi crítica con todas a políticas de Rajoy e Feijóo, e a este último fixoo responsabel "das listas de espera, da reducción do persoal sanitario e paralizar a construcción de novos hospitais".

O representante comarcal na candidatura do BNG, Marco Antonio Reboredo, aproveitou a celebración deste acto electoral para trasladar "a solidariedade do BNG cos traballadores de Aplicarmetal - a empresa punteira do parque empresarial do Carballiño- que está nun proceso de ERE por falta de carga de traballo, consecuencia da nefasta política de Feijóo no sector eólico".