O equipo de audiovisuais do IES Chamoso Lamas estrea o documental sobre a Veracruz "Pedra a Pedra"

25, Xullo 2020

Despois de algo máis de dous anos de traballo, entre rodaxes, montaxe e edición, o equipo de audiovisuais do IES Chamoso Lamas vai estrear o seu documental sobre o templo da Veracruz, titulado "Pedra a pedra". Trátase dunha curta documental (24 minutos de duración) realizada por un equipo de alumnos e profesores do instituto, que leva xa varios anos traballando no audiovisual e sacando proxectos adiante como a curta documental Sons no Camiño ou o DVD de entrevistas no libro sobre o comercio local feito pola asociación fotográfica Potiños.

A proxección de estrea realizarase dentro do propio templo da Veracruz o día martes, 28 de xullo. Faranse dous pases, un ás 22:00 hora e outro ás 23:00 horas, para facicilitar que todas as persoas interesadas a poidan ver, xa que o aforo estará reducido a 50 persoas por pase, por motivos de seguridade sanitaria e tamén de condicións de visionado. A entrada é totalmente gratuíta e poderanse recoller as invitacións na parroquia do Carballiño ata encher o aforo. Será necesario o emprego de mascarilla durante todo o acto.